Skip to main content

O novo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia será motor da investigación e a innovación no sector TIC

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, presentou en Vigo o novo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT, que nace co obxectivo de incrementar o potencial investigador e empresarial galego en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). O acto contou tamén coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago Rodríguez, e dos directores xerais de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Salustiano Mato e Elena Veiguela, respectivamente.

Durante o acto, Fernando X. Blanco expuxo o estudo de viabilidade que a Consellería de Innovación e Industria encargou para a creación dun Centro Tecnolóxico que aproveitase as potencialidades de I+D xurdidas no entorno da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo e que perfilase as súas características e funcións. O estudo foi realizado por un grupo de profesores dos Departamentos de Enxeñería Telemática e Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, dirixidos polo Catedrático Fernando Pérez González, e tomando como referenza a opinión do sector e de centros de investigación de referenza no ámbito internacional e estatal.

Tendo en conta este estudo de viabilidade, o Centro nace agora cun Padroado composto pola Xunta, as tres universidades galegas e as empresas Arantia 2010, Arteixo Telecom, Eganet, Egatel, Gsertel, Indra/Soluziona, Ineo, R, Telefónica, Televés, Tele2-Comunitel e Tredess e a súa andaina comeza oficialmente coa inminente constitución da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia.

Financiamento

A planificación de GRADIANT prevé que o seu persoal, orzamento e autofinanciamento vaia medrando paulatinamente, co obxectivo de que no seu quinto ano de funcionamento conte con preto de 58 traballadores, 40 deles investigadores, e que estea financiado nun 60% con recursos captados externamente en nun 40% pola Administración, cun orzamento total de 4,6 millóns de euros.

Este mes de xuño está prevista a creación do núcleo operativo e a súa ubicación en espazos cedidos pola Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo. O vindeiro ano, en 2008, executaranse os primeiros contratos e incorporación de persoal de I+D e en marzo de 2009 está prevista a súa ubicación en espazos de CITEXVI, a Cidade Tecnolóxica de Vigo. En xaneiro de 2011 GRADIANT estará a pleno rendemento, con máis de 60 enxeñeiros e doutores e cunha elevada porcentaxe de autofinanciamento.

Obxectivos

Segundo explicou o conselleiro de Innovación e Industria, os obxectivos de GRADIANT son elevar o potencial investigador galego e a capacidade de I+D do sector empresarial en TIC, ademais de incrementar a capacidade tecnolóxica das empresas en xeral. Para elo pretende crear un nexo entre empresas, plataformas, clústers e Organismos Públicos de Investigación para a realización de proxectos estratéxicos e xerar novas oportunidades de negocio e coñecemento para as empresas en temas de investigación punteira. GRADIANT aumentará a capacidade de captación de fondos externos para a I+D, especialmente da UE, e tentará acadar o retorno de capital humano cualificado formado en Galiza e atraer investigadores de primeiro nivel formados en universidades estranxeiras, entre outros obxectivos.

As principais actividades de GRADIANT serán a realización de proxectos de investigación en telecomunicacións a medio e longo prazo (financiados con fondos propios ou de convocatorias competitivas e semente para a creación de spin-offs), e o deseño e realización de proxectos de I+D con empresas. Esta colaboración coas empresas deberá implicar a xeración de coñecemento novo e supoñer un cambio cuantificable nos modelos de innovación. O Centro tamén levará a cabo actividades formativas e asesorará á Administración en materia de Telecomunicacións. Para levar a cabo o seu traballo GRADIANT establecerá relacións e colaboracións con outros Centros Tecnolóxicos e Plataformas Tecnolóxicas e sobre todo coa Plataforma Galega das TIC e co Centro Tecnolóxico de Desenvolvemento Software.

As liñas prioritarias da I+D do Centro serán os sistemas avanzados de telecomunicación, as tecnoloxías audiovisuais en rede, a radiodifusión dixital, as comunicacións sen fíos e móbiles, as comunicacións por satélite, os equipos e instrumentación de telecomunicacións, a intelixencia en redes, as redes ad-hoc, os servizos para a sociedade da información e a seguridade e confianza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia