Skip to main content

O Plan Renove do Comercio Galego finánciase con 24 millóns de euros

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, anunciou axudas por valor de case 24 millóns de euros para o sector comercial este ano, no marco do Plan de Renovación e Mellora do Comercio Galego 2006-2009. O conselleiro nacionalista, que estivo acompañado da directora xeral de Comercio, Ana Rúa, explicou pormenorizadamente nunha rolda de prensa celebrada en Santiago as distintas ordes de axuda a través das que se vai a articular o apoio do departamento autonómico ao sector e que sumarán este ano unha contía de 23.995.459,93 euros. Deles, 7.840.000 euros irán destinados a axudas aos comerciantes, 9.321.000 euros a axudas aos concellos, e 6.834.459,93 euros a axudas para as asociacións de comerciantes.

Así, dentro das axudas dirixidas aos comerciantes, cómpre destacar o Programa de Modernización do Comercio Rural (cun orzamento de 1,8 millóns de euros), o Programa de Subvencións a Pequenos Comerciantes Individuais que abandonen a Actividade (cun orzamento de 3,2 millóns de euros), o Programa de Adecuación do Comercio Galego ao seu Entorno Competitivo (cun orzamento de 1,22 millóns de euros), e o Programa para a Mellora da Calidade do Comercio Galego (cun orzamento de 1,62 millóns de euros).

O primeiro destes programas está dirixido aos comerciantes retallistas situados en concellos de menos de 10.000 habitantes ou en núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes ubicados naqueles municipios de máis de 10.000 habitantes, e o seu obxectivo é o de promocionar e incentivar a modernización e implantación de comercios situados nas zonas rurais do país. A subvención chegará ata o 40% do investimento máximo subvencionable, que non será inferior a 1.500 euros nin superior a 50.000 euros.

O programa de Subvencións aos Pequenos Comerciantes Individuais que abandonen a Actividade está dirixido aos comerciantes polo miúdo que cesen definitivamente en toda actividade comercial e con el preténdese fomentar o relevo xeracional no sector e a rexeneración do tecido empresarial mediante a posta a disposición no mercado de novos locais comerciais situados en lugares social e comercialmente estratéxicos. Neste caso a subvención anual é de 10.000 euros ata os 65 anos, puidendo o cónxuxe percibir o 50% do importe fixado para o titular.

O Programa de Adecuación do Comercio Galego ao seu Entorno Competitivo permitirá aos comerciantes retallistas renovar os seus establecementos incorporando novas tecnoloxías da información á xestión dos mesmos e suporá unha achega por parte da Administración Galega de ata o 40 ou o 50% do investimento subvencionable sobre unha contía mínima de 1.000 euros e unha máxima 12.000 euros. Nos sistemas de venda non presenciais e páxinas web o investimento máximo subvencionable será de 3.000 euros. Mentres, o Programa para a Mellora da Calidade do Comercio Galego está dirixido a pequenas e medianas empresas comerciais retallistas que melloren a súa competitividade con actuacións encamiñadas á obtención do distintivo de calidade do comercio galego, a creación e expansión de cadeas sucursalistas, medidas de protección do medioambiente que afecten aos puntos de venda, ou actuacións para a mellora da imaxe dos establecementos. A subvención neste caso será de ata o 50% do investimento máximo subvencionable, sendo a contía máxima de 6.000 euros.

Apoio aos concellos e ás asociacións de comerciantes
O apoio de Innovación e Industria aos concellos para a modernización e mellora do comercio urbano materializarase a través de dúas liñas de axuda: a MERCA e a URBANCOMER. A primeira delas contribuirá á realización de estudos e proxectos de mellora nos mercados municipais e á construción, reparación e adecuación de espazos para mercados tradicionais e ambulantes. Pola súa banda, a liña URBANCOMER financiará as diagnoses e estudos de implantación de planos de dinamización comercial; estudos de mellora e actuacións en centros comerciais de barrio, zonas peonís comerciais e eixes comerciais, e a creación de servizos de apoio ao comercio. Námbolos dous casos, a subvención concedida poderá alcanzar o 70% do investimento máximo subvencionable.

Por último, no tocante ás asociacións de comerciantes, Innovación e Industria está a desenvolver o programa de axudas para a incentivación da demanda comercial, fomento da cooperación empresarial e da calidade e desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos e eixes comerciais de Galiza. Neste caso as axudas articularanse a través de tres liñas: a INCEN (destinada a potenciar a implantación de novas fórmulas de distribución, mellorar a loxística e acadar unha imaxe máis competitiva do sector); a COOP (coa que se pretende mellora a competencia dos mercados de distribución, fomentar a creación e desenvolvemento de organizacións comerciais e promocionar a calidade no comercio galego mediante un distintivo propio); e a MECCA (dirixida á revitalización de centros comerciais abertos, eixes comerciais e mercados de abastos, xestionados polos propios comerciantes). A subvención máxima obtida a través destas tres liñas podería alcanzar o 70% do investimento máximo subvencionable.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia