Skip to main content

Nova guía sobre prácticas e saídas laborais na UE

A Fundación Galicia Europa desenvolve en Santiago de Compostela unha sesión informativa sobre prácticas e saídas laborais na UE e en organizacións internacionais. O encontro, que se celebra na aula 25 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, enmárcase dentro da campaña informativa posta en marcha pola Fundación Galicia Europa nas universidades galegas para orientar aos estudantes e mozos galegos das oportunidades formativas e laborais no ámbito comunitario e internacional.

Esta campaña foi iniciada a principios deste ano e nestes meses estivo presente no Campus de Santiago e no Campus da Coruña con cadansúa sesión informativa. Celébranse tamén encontros informativos nos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense.

Ao tempo que se expón aos alumnos as distintas posibilidades, preséntase a Guía de Prácticas e Saídas Laborais na UE e en Organizacións Internacionais elaborada pola Fundación Galicia Europa. Este volume pretende presentar aos estudantes e mozos galegos de xeito esquemático pero exhaustivo as posibilidades de desenvolver unha carreira profesional nos eidos internacional e europeo. Ao tempo, especifícanse unha serie de institucións e entidades que ofertan estas saídas profesionais entre as cales figura a propia Fundación Galicia Europa.

O texto compila as distintas posibilidades e requisitos esixidos para realizar estudos en asuntos europeos, prácticas nas institucións comunitarias e empresas europeas e internacionais, así como os diversos programas relacionados co comercio exterior. No tocante ás organización internacionais, a guía conta con información sobre as estadías de prácticas das principais organizacións como Nacións Unidas, o Fondo Monetario Internacional, os programas de mozos expertos e os sistemas de acceso e oposición.

Esta guía estará dispoñible en galego e castelán na web da Fundación Galicia Europa http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia