Skip to main content

O programa Galicia Natural achega aos maiores ao turismo rural

O fomento do envellecemento activo e saudable para os maiores e a optimización dos recursos turísticos son os obxectivos que se marcan a Vicepresidencia e a Consellería de Innovación coa posta en marcha do programa Galiza Natural. Os departamentos autonómicos colaboran nesta iniciativa, que se desenvolve do 7 de maio ao 1 de xuño, e que posibilitará o coñecemento da realidade actual e do patrimonio histórico-cultural do noso país mediante a estancia, de 5 días con 4 pernoctacións, en establecementos de turismo rural galegos.

Deste programa poderanse beneficiar os maiores de 65 anos (ou maiores de 60 que acrediten a condición de pensionistas), residentes en Galiza. Así mesmo, poderán acceder ao programa os seus cónxuxes ou as persoas que acrediten relación análoga á conxugal.

As zonas piloto nas que se vai desenvolver o Galiza Natural no 2007 serán a Costa da Morte, o sur de Lugo e o sur de Pontevedra, cunha oferta total de 480 prazas. As estadías organízanse en 4 quendas: do 7 ao 11 de maio, do 14 ao 18 de maio, do 21 ao 25 de maio e do 28 de maio ao 1 de xuño.

Esta actividade de turismo ten un prezo de 60 euros por persoa e estadía, e inclúe o aloxamento en habitacións dobres e pensión completa, o transporte dende o centro social de pertenza ata o destino que corresponda, a realización de rutas pola zona con guía, e as actividades de saúde e animación sociocultural. Todos os participantes contarán tamén cunha póliza colectiva de seguros.

Os interesados en participar poden solicitalo nos fogares de maiores ou centros sociais dependentes da Vicepresidencia ata o 16 de abril, para as dúas primeiras quendas, e ata o 30 de abril para as dúas segundas. Coa solicitude deberán acompañar unha fotocopia do DNI e a correspondente acreditación no caso de precisar unha dieta determinada ou de ter algunha necesidade especial, se fora o caso. A selección dos participantes farase por rigorosa orde de inscrición.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia