Skip to main content

Galicia lidera con máis de 700.000 euros o reparto de fondos dos plans nacionais de cultivos marinos

A Conferencia Sectorial de Pesca, reunida en Madrid, acordou o reparto de 3,6 millóns de euros para o desenvolvemento dos Planes Nacionales de Cultivos Marinos en 2007.

Desta cantidade, a Galicia asignáronselle 747.276,59 euros, o que a converte na Comunidade Autónoma que lidera a distribución do presuposto total, debido a que se sitúa entre as autonomías que máis proxectos presentaron.

Da partida que recibirá Galicia, os programas de cultivo e xestión do ourizo de mar serán os máis beneficiados xa que contarán con preto de 106.000 euros para este ano. Outras actuacións con inversións relevantes son o de cultivo de novas especies de interese en hatcheries (85.367,38 euros) e o de optimización do proceso de engorde do polbo (80.000 euros).

Asimesmo, dende a Comunidade galega presentáronse proxectos vencellados ao tratamento dos verquidos da acuicultura, que contarán cun presuposto de 76.683 euros; de mitigación do impacto ambiental das xaulas de cultivo, para os que se asignaron 74.200 euros; e de cultivo e xestión da orella de mar, que disporán de 69.000 euros.

Outras actuacións que recibirán fondos no marco dos Planes Nacionales de Cultivos Marinos son as relativas á búsqueda de condicións idóneas para o cultivo de mexillón (65.570 euros), as de tecnoloxía de recirculación e desinfección en acuicultura mariña (56.686 euros), e as de xestión sanitaria (45.080 euros). Ademais, accederán a estes fondos proxectos de cultivo de linguado, de transferencia tecnolóxica na promoción de novas
especies de espáridos, de determinación da presencia de toxina PSP en moluscos bivalvos e de acuicultura integrada orientada ao desenvolvemento de cultivos multitróficos.

Reparto de fondos

A distribución destes fondos é acordada entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e as diferentes comunidades autónomas e realízase dacordo cos proxectos presentados dende as autonomías no marco dos Planes Nacionales de Cultivos Marinos creados no seo da Junta Nacional Asesora de Cultivos Marinos (JACUMAR).

Deste xeito, Galicia atópase entre as comunidades que máis proxectos presentou e, polo tanto, recibe a maior asignación. A continuación sitúanse Andalucía (707.332,20 euros), Cataluña (603.595,45 euros), e Murcia (411.646,47 euros), mentres que a cantidade restante repártese entre Cantabria, Asturias, a Comunidade Valenciana, Baleares, Canarias e Aragón.

O obxectivo dos Planes Nacionales é fomentar o desenvolvemento da acuicultura mariña, tanto no ámbito da investigación como da innovación ou de calquera outra actividade relacionada con esta actividade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia