Skip to main content

Considérase prioritaria a conservación do 179 postos de traballo de Atento

A Consellería de Traballo solicitará unha reunión coa dirección de empresa Atento para o luns 16 de abril. Así o manifestou a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, tras a reunión co comité de empresa, encontro no que tamén estivo presente o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela. “A nosa intención é chegar a un entendemento coas partes, dentro das posibilidades da propia Administración e así acadar unha solución negociada ao conflicto”, informou a directora xeral.

Pilar Cancela declarou que se considera prioritario o mantemento dos postos de traballo dos 179 traballadores afectados polos despidos da empresa Atento. Cancela manifestou a preocupación da Consellería de Traballo pola situación e aclarou que “non se aceptará a decisión que se tomou dende a empresa”.

Explicou que a dirección de Atento informou a través dunha carta de que non ten pensado pechar o centro de traballo da Coruña. A directora xeral cualificou esta resposta de “ambigua e xenérica”.

Pilar Cancela declarou que nese escrito a empresa argumenta que se trata dunha actividade que por circunstancias pode sufrir unha redución da carga de traballo. Cancela considerou esta explicación de “insuficiente”. Así mesmo, apuntou que co comité de empresa acordouse intentar manter os posto de traballo, polo que se iniciarán contactos coa directiva da empresa, explicou.

A representante da Consellería de Traballo declarou que manterán un contacto “constante” cos implicados, co obxectivo de encaixar xuridicamente “todas as posibilidades”, e sen crear “falsas expectativas sobre un tema con tanta profundidade”.

Pilar Cancela afirmou que “Galicia non pode perder 179 postos de traballo”, sobre todo tendo en conta que “un número importante dos traballadores afectados son mulleres”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia