Skip to main content

Convocadas as axudas para proxectos audiovisuais a través de Internet

O Diario Oficial de Galicia publica o 13 de abril de 2007 a convocatoria de axudas para a promoción de producións audiovisuais a través de Internet. O prazo de solicitudes remata o 1 de decembro e incluirá os proxectos desenvolvidos desde o 1 de xaneiro deste ano ao 31 de decembro.

O obxectivo é a colaboración coas produtoras durante o proceso de creación de páxinas web de producións audiovisuais, posto que a rede é un instrumento fundamental para o desenvolvemento do negocio cinematográfico. Promoción, visibilidade do produto e creación de expectativas diferenciais son algunhas das características que unha páxina web pode achegar ao público actual, continuamente bombardeado por mensaxes referidas a infinitas posibilidades de lecer.

Poderán optar a estas axudas, que contan cun orzamento global de 80.000 euros, as empresas de produción cinematográfica independentes que estean legalmente constituídas en Galicia, con sede social e domicilio fiscal en Galicia ou establecidas nun estado membro da UE e con axencia permanente na comunidade galega. O importe das axudas son dun máximo de 9.000 euros e nunca poderán ser superiores ao 40% do orzamento declarado.

Para acceder a estas bolsas deberán ser proxectos de promoción e publicidade baseados en tecnoloxías on-line e que estean incluídos nos orzamentos de explotación das producións audiovisuais. Apoiaranse así mesmo as coproducións galegas.

No suposto de longametraxes, a participación económica da produtora galega deberá ser superior ao 30% do orzamento de produción e ou posuír como mínimo o 20% dos dereitos de explotación da obra audiovisual, que deberá ser acreditado polo ICCA ou EGEDA.

No caso de tratarse doutras producións audiovisuais requirirase, igualmente, documentación abondo que acredite a participación suficiente da produtora galega.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia