Skip to main content

Os primeiros resultados do uso do GLP como alternativa á gasolina amosan un importante aforro económico

Unha das accións que está a financiar a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos dentro do proxecto Peixe Verde é o estudo da viabilidade da transformación dos motores de gasolina a Gas Licuado de Petróleo (GLP). Esta liña de investigación, denominada Santiago Apóstolo, vai dirixida á frota artesanal e ten como
obxectivo a diminución do custo do carburante que empregan este tipo de embarcacións, a gasolina. Esta experimentou un incremento de prezo importante nos últimos anos o que supón que, a día de hoxe, un dos custos de produción máis importantes deste tipo de empresas pesqueiras sexa precisamente o do combustible.

A iniciativa financiada pola Consellería de Pesca está sendo coordinada polo Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (CETPEC) e a empresa Repsol YPF. Enmarcada nesta liña de actuación, no mes de setembro procedeuse á transformación dos motores de gasolina a GLP en catro barcos nos portos de Celeiro, Cangas e O Grove. Tres son embarcacións de baixura e outra é unha lancha que o CETPEC está a empregar nesta iniciativa. Os primeiros resultados obtidos amosan un aforro económico importante, dun mínimo do 30%, aínda que nalgúns casos chegou ata un 49%. Cómpre salientar que o
gasto mensual de gasolina nunha embarcación tipo é de 513 euros, mentres que co GLP sería de 314 euros, é dicir, case 200 euros menos.

No que se refire á parte técnica do proxecto, e segundo o informe
preliminar presentado pola Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, as embarcacións non tiveron ningún problema vencellado ao uso do GLP e de feito nos meses que levan traballando con este combustible, non perderon ningún día de faena por avarías. Por outra banda, o GLP é unha alternativa máis ecolóxica que a gasolina xa que diminúe as emisións á atmosfera e elimina toda posibilidade de verquido por hidrocarburos. Outra das vantaxes do uso deste combustible é a redución do ruído do motor.

Na primeira fase do proxecto puxéronse en marcha as probas piloto e demostrouse o aforro económico que supón o emprego deste substituto da gasolina. Agora, na segunda etapa desta iniciativa, estase a cuantificar dun xeito máis preciso o aforro económico coa transformación dunhas vinte embarcacións máis, de distintos portos de Galicia, como mostra representativa do total da frota artesanal galega.

Dado que as prioridades nas dúas primeiras fases foron o comportamento e o consumo das lanchas, optouse por manter o subministro do gas a través de bombonas. Na etapa 3, que comeza aproximadamente no mes de xuño e na que a iniciativa se ampliará a unhas 200 embarcacións, valorarase a posibilidade de instalar tanques fixos, que serían recargados dende un surtidor a granel situado no porto, do mesmo xeito que fan agora coa gasolina.

A frota de artes menores, na que se inclúe o marisqueo a flote, é a máis importante en número de embarcacións na baixura. Estímase que en augas de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma Galega faenan un total de 5.000 barcos de pequeno porte. Estes profesionais empregan motores a gasolina, un combustible que experimentou unha subida económica importante nos últimos anos, o que repercute de xeito moi negativo nas contas de explotación destas empresas.

Deste xeito, o traballo que está a financiar a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e que coordina o CETPEC en colaboración con Repsol-YPF, ten como obxectivo a procura de enerxías alternativas e limpas, que contribúan a cumprir cos compromisos de máximo respecto polo medio ambiente e que sexan economicamente máis proveitosos para o sector pesqueiro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia