Skip to main content

Remata a etapa de Santiago Domínguez ao fronte da Dirección Xeral para o Deporte

Nun encontro con xornalistas en Santiago de Compostela, Santiago Domínguez fixo balance destes 20 anos en termos de debe e haber. Non obstante, o director xeral declarou marchar "moi satisfeito polo traballo honesto, sincero e honrado e coa conciencia tranquila" polos obxectivos acadados.

Santiago Domínguez comezou a súa comparecencia agradecendo a federacións, clubs, deportistas, administracións e empresas privadas o bo entendemento para o desenvolvemento do seu traballo á fronte da Dirección Xeral. "Agradezo de corazón todas as súas suxestións, colaboracións e críticas, que resultaron fundamentais para ir mellorando día da día o noso labor". Neste senso, Santiago Domínguez quixo deixar claro que "en ningún momento houbo ningunha acción en contra de ningunha federación, senón que todo o traballo realizado foi a favor da boa marcha do deporte galego."

Accións fundamentais

Santiago Domínguez quixo facer un percorrido polas políticas postas en marcha polo seu departamento durante estes 20 meses de traballo. Así, destacou a estrea das distintas seleccións de fútbol, baloncesto e balonmán "que me encheron de gran satisfacción -dixo Domínguez- por canto supoñen de referente para as xeracións vindeiras".

Outro dos logros destacados polo director xeral foi a posta en funcionamento do primeiro equipo profesional ciclista galego, o Karpin Galicia, "unha aposta moi forte nun momento moi difícil para o ciclismo, e que hoxe xa é unha realidade. Domínguez Olveira falou da importancia de ter conseguido a saída da Vuelta Ciclista a España 07 dende Vigo que, segundo palabras do propio Domínguez, "contará case con total seguridade coa participación dun equipo profesional galego por primeira vez na historia.

Noutra orde de cousas, o director xeral para o Deporte incidiu na nova política de redistribución de recursos a clubs, deportistas e federacións, con novos criterios, aínda que recoñeceu que "é moi difícil que unha administración poida compensar o importante labor social dun club de base". Non obstante, Domínguez Olveira lembrou os históricos 14.700.000 € que se destinaron por vez primeira na historia a reforzar o deporte de base.

En canto ao reparto das axudas, Domínguez Olveira destacou a creación dun convenio individualizado para cada federación e a aposta pola tecnificación deportiva -expresada, por exemplo, no xiro á política do CGTD, respecto á cal o director xeral comentou que "por primeira vez na historia a convocatoria de becas para residir no centro fíxose directamente a deportistas, non por asignacións a cada modalidade deportiva".

Noutro ámbito, a remodelación do Deporte Escolar, que dotou de maior importancia á práctica deportiva en idade escolar dende a multideportividade, e buscando sempre o deporte como xeito de convivencia e non como fonte de competición, foi destacada tamén por Santiago Domínguez. Neste senso, fixo especial fincapé na boa coordinación establecida entre as Consellerías de Cultura e Deporte e a Consellería de Educación.

O director xeral tamén tivo palabras para a posta en funcionamento do proxecto Ruando, deporte para todos, a carpa itinerante do Deporte Galego coa que se busca levar o deporte a todo o país sen discriminación polos lugares de residencia, e tratando de reducir ao mínimo as diferenzas entre o interior e a costa.

En canto aos eventos deportivos, Santiago Domínguez falou de grandes retos postos en marcha, como a saída da Vuelta Ciclista a España, o Campionato de Europa de Piragüismo -cuxas obras "están sendo cumpridas en prazo, e estarán rematadas a finais deste mes"-, ou a celebración en Vigo dos Campionatos Infantís e Cadetes de Balonmán e Voleibol. Segundo palabras do director xeral, estes campionatos "puxeron a Galiza na vangarda da organización de eventos, e como espello para outras comunidades, logo de ter participando a máis de 1.600 deportistas nun mesmo recinto".

No apartado de infraestruturas, Domínguez Olveira destacou que o incremento de partida presupostaria destinada a este fin incrementouse entre o 2005 e o 2006 nun 16%, chegando ao máximo histórico de 16 millóns de euros. Así tamén batéronse marcas históricas no importe das axudas a concellos destinadas á infraestrutura deportiva. Domínguez Olveira dixo estar "satisfeito polo traballo realizado para abrir as instalacións deportivas á sociedade", en referencia ao convenio pioneiro que se asinou cos concellos de Pontevedra e Lugo, coa colaboración da Consellería de Educación, e que permite o emprego das instalacións deportivas dos colexios fóra dos horarios lectivos.

Mais un dos obxectivos longamente repetidos por Santiago Domínguez á fronte da Dirección Xeral para o Deporte era o apoio ao deporte de base e a incorporación ao deporte dos sectores que historicamente se vinculaban menos a este eido. Neste senso, Domínguez Olveira destacou esta mañá que o número de licenzas femininas nestes 20 meses se incrementou nun 15%, e o de persoas con algunha discapacidade, subiu tamén nun 10%, "un motivo polo que pensar que se está facendo un bo traballo".

Na súa despedida, Santiago Domínguez quixo destacar tamén que quedaban cousas pendentes, coma mellorar a axilidade burocrática no trámite de axudas, presentar un anteproxecto da Lei do Deporte de Galicia, e traballar coas federacións e cos clubs deportivos para axudarlles a nivel de programación, contidos de contabilidade, etc. Domínguez Olveira lamentou non ter realizado antes este tipo de xornadas con federacións deportivas, pero adiantou que se celebrarán en breve.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia