Skip to main content

Dimite a responsable da Fundación Galicia Emigración pola forma e o momento da entrega de axudas a emigrantes en Uruguai

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, aceptou a dimisión da directora da Fundación Galicia Emigración, Pilar Pin, como responsable política da xestión do reparto de axudas asistenciais aos emigrantes galegos no Uruguai en período electoral.

O presidente da Xunta considera un erro grave, do que se derivan responsabilidades políticas, o momento e a forma do procedemento seguido para facer efectivas esas axudas públicas, absolutamente legais e perfectamente regradas, ás que teñen pleno dereito os emigrantes que se atopan en delicada situación económica.

O presidente da Xunta recoñece as dificultades que supón xestionar ese tipo de subvencións, ao non dispor aínda a Xunta de Galicia dunha estrutura administrativa no exterior. Non obstante, considera que a tramitación desas axudas foi inapropiada, tanto polo momento no que se produce o seu pago, concretamente en vésperas dunhas eleccións, como pola forma inxectada de facelas efectivas.

O presidente da Xunta impartiu instrucións concretas á Secretaría Xeral de Emigración, á que está adscrita a Fundación Galicia Emigración, para que arbitre un novo mecanismo de reparto de axudas que, mediante transferencia bancaria evite a entrega en man de cheques, que elimine o vínculo directo entre a administración e os emigrantes, o que permitirá disipar toda dúbida sobre a transparencia, a limpeza e as garantías do sistema.

A responsable da Fundación Galicia Emigración en calidade de directora xerente, Pilar Pin Vega, presentou a dimisión do seu cargo ante o presidente da Xunta de Galicia admitindo que foi un erro a xestión realizada dende o seu departamento, para a tramitación e entrega das axudas asistenciais a cidadáns de orixe galega en situación de vulnerabilidade residentes en Uruguai.

Pilar Pin asume que o retraso entre a data de resolución das axudas e a entrega efectiva das mesmas aos seus lexítimos beneficiarios durante a pasada semana, é unicamente imputable á súa responsabilidade, e considera que a equivocación foi primar o reparto de axudas sobre a oportunidade política.


Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia