Skip to main content

Méndez Romeu inaugura un novo telecentro na Fonsagrada

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, inaugurou no Concello da Fonsagrada un novo telecentro integrado na Rede de Telecentros de Comunicación, desenvolvida pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. O titular de Presidencia aproveitou a visita a este concello lucense para subscribir un protocolo de colaboración co alcalde, Ricardo Parada Mariñas, para a construción dun novo Consistorio municipal.

O titular de Presidencia salientou, durante a inauguración do novo telecentro, “a importancia” da estrutura cultural da Fonsagrada. Para Méndez Romeu o novo telecentro supón “un programa de formación audiovisual moi interesante para os seus veciños. Esta aula vai permitir prácticas de teleformación cuns contidos que xa están dispoñibles. Non é só infraestrutura tecnolóxica, senón que son verdadeiros contidos”. Deste xeito, os usuarios disporán dun centro de comunicación dedicado a programas formativos, teleformación, eventos multidisciplinares e conferencias a menos de trinta minutos do seu domicilio, potenciándose estas e outras iniciativas que se poden levar a cabo a través da internet.

O centro inaugurado hoxe na Fonsagrada forma parte da Rede de Telecentros de Comunicación desenvolvida polo Goberno galego. Súmase aos 11 novos telecentros de comunicación despregados recentemente nos concellos de Abegondo, Vedra, Vimianzo, Santa Comba, Lalín, O Carballiño, Xinzo de Limia, O Barco, Monterroso, Foz e Viveiro, e que veñen sumar un total de 31 en toda Galicia, converténdose nun referente na comunicación audiovisual. Todos eles están conectados á Autoestrada Galega da Información (AGI).

O telecentro da Fonsagrada é un espazo duns cen metros cadrados acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático e audiovisual, así como doutros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais, multimedia, etc) dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver. Conta co seguinte equipamento:

• 16 postos informáticos con CPU PIV, lector de DNI electrónico, DVD, Monitor TFT de 17", Headset con micrófono e control de volume Windows XP e paquete software ofimático e multimedia
• 1 posto de profesor con CPU PIV, lector de DNI electrónico, DVD gravador, Monitor TFT de 17", Headset con micrófono e control de volume, Windows XP e paquete software
ofimático e multimedia
• Impresora láser color
• Proxector con pantalla de proxección motorizada
• Pantalla de plasma de 42"
• Pack Multimedia con: mesa de misturas de audio, amplificador, DVD-RW con TDT e videoconferencia
• Micrófonos de mesa e inalámbricos
• Altavoces
• 2 cámaras motorizadas
• Pantalla tactil para control audiovisual e de luces
• Red Wifi

Telecentro da Fonsagrada
Rede de Telecentros de Comunicación

Trátase dun proxecto desenvolvido pola Secretaría Xeral de Comunicación coa fin de fin de por a disposición dos cidadáns unha serie de servizos onde se facilita o traballo coas novas canles e soportes audiovisuais e o acceso público á internet, favorecendo a aprendizaxe dixital e a implantación das novas tecnoloxías, e incidindo tamén na mellora da formación dos profesionais do sector audiovisual e multimedia.

Ao longo deste ano 2007 sumaranse 10 novos telecentros de comunicación en localidades como Betanzos, Muros, Carballo, Arzúa, Guitiriz, Ribadeo, Ribadavia, Tui, Vilagarcía e Caldas de Reis. Coa instalación neste ano 2007 de novos telecentros de comunicación, que se sumarán aos 31 xa dispoñibles, encamíñanse cara ó obxectivo de acadar a finais do ano 2009 un número total de 61 telecentros que abarcarán practicamente á totalidade de comarcas de Galicia.

Nova casa consistorial

Doutra banda, o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, e o alcalde da Fonsagrada, Ricardo Parada Mariñas, subscribiron hoxe un protocolo de colaboración para fixar as bases que rexerán a construción da nova casa consistorial deste concello.

Segundo, establece o documento a Consellería de Presidencia participará no financiamento desta actuación. As condicións e concrecións das obras que se van realizar, así como o seu orzamento, serán fixadas no seu intre ao abeiro da correspondente resolución de concesión ou nun convenio de colaboración a asinar proximamente entre a Xunta de Galicia e o concello da Fonsagrada.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia