Skip to main content

As obras na Coruña suporán un salto adiante para a cidade como motor de desenvolvemento económico

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que os proxectos que o Goberno galego está a executar na Coruña marcarán un “novo horizonte” para o futuro da cidade e suporán “un salto adiante” no seu papel como motor de desenvolvemento económico de Galicia. Unhas actuacións, remarcou, que demostran o compromiso da Xunta de Galicia e do seu presidente coa Coruña e que revelan que a “cooperación, a colaboración e o traballo conxunto” das administracións son imprescindibles para poder afrontar os retos de futuro de Galicia.

Así o expresou o máximo mandatario galego logo de visitar, xunto co alcalde da Coruña, Javier Losada, as obras de catro proxectos nos que a Xunta de Galicia está a investir para “mellorar a habitabilidade, mobilidade e calidade de vida dos cidadáns” e abrir novas oportunidades de creación de emprego e riqueza na cidade: a Terceira Rolda de circunvalación, a cidade deportiva municipal da Torre de Hércules; a rehabilitación do grupo de vivendas Virxe do Carme e o novo recinto feiral.

En rolda de prensa, o máximo mandatario galego asegurou que a terceira rolda de circunvalación “abre, deseña e xera unha nova fronteira”, dado que permitirá dotar a cidade dunha nova entrada libre de peaxe e facilitar a súa comunicación con toda a área metropolitana, desconxestionando a Rolda de Outeiro e a Avenida de Alfonso Molina.

Investimento superior aos 118 millóns de euros

Segundo explicou o presidente logo de visitar as obras, a terceira rolda é unha estrada de alta capacidade de 12,5 km de lonxitude que está a ser executada coa colaboración do Concello, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento e que conta cun investimento superior aos 118 millóns de euros. Pérez Touriño incidiu en que o primeiro dos tres subtramos que competen á Xunta de Galicia –que suman en total 3,7 kilómetros- está en construción, mentres que o segundo se licitará de xeito “inmediato”. O obxectivo, segundo concretou, é que o novo vial estea rematado a finais de 2008 ou principios de 2009.

Na súa visita á cidade, Pérez Touriño tamén visitou as obras de construción do novo recinto feiral, unhas instalacións que contan cun investimento de 37 millóns de euros (o 75% achegado pola Xunta) e que, en palabras do presidente, permitirán que A Coruña aumente a captación de feiras nacionais e internacionais. “Este recinto marca un espazo de oportunidade para que A Coruña poida atraer, con maior garantía, visitantes, empresarios, emprendedores, feiras, turismo e, polo tanto, dar un salto adiante tamén no que é o motor de Galicia na creación de emprego e actividade”, expresou.

Mellora dos equipamentos e da calidade de vida

O presidente tamén se desprazou ao barrio de Labañou onde a Xunta de Galicia está a cofinanciar, co Concello e o Ministerio de Vivenda, as actuacións de rehabilitación do grupo de vivendas do Carme, que contan cun investimento total de 4,2 millóns de euros. Segundo explicou o presidente, trátase dunha experiencia “pioneira” na rehabilitación de vivendas que non forman parte de cascos históricos e que ten por obxectivo garantir “a calidade e o nivel de vida que é necesario no século XXI”. “Por iso é unha actuación integral, urbanizando, mellorando o estándar, mellorando as fachadas, as cubertas, a accesibilidade. En definitiva, unha actuación moi potente”, salientou Pérez Touriño, quen incidiu en que as políticas de rehabilitación e de vivenda son un “foco central de atención e de prioridade” para a Xunta de Galicia.

Finalmente, o xefe do Executivo galego resaltou a “colaboración magnífica” co Concello da Coruña para promover as obras de mellora da cidade deportiva da Torre. “O deporte base, o asociacionismo deportivo, é unha base de saúde e de educación. E Educación e saúde son os piares da acción dun goberno progresista”, significou.

“A lección fundamental política, cidadá é que necesitamos traballar xuntos, camiñar na mesma dirección, dialogar e compartir esforzos. É a única forma, a gran forma, nun país democrático para que o país avance e para que os cidadáns teñan aquilo que demandan e merecen: cidades cada día máis habitables, con mellor calidade de vida, con mellores dotacións e servizos e con maiores equipamentos”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia