Skip to main content

O novo Estatuto do Traballador Autónomo é novidoso, comprometido e desexado, según María Debén

A delegada da Consellería de Traballo na Coruña, María Debén Alfonso, afirmou que o novo Estatuto do Traballador Autónomo “é un corpo normativo novedoso, comprometido e, sobre todo, desexado”. Nunha conferencia ofrecida no municipio coruñes de Boiro, Debén asegurou que este texto legal estatal, xa remitido polo Parlamento ao Senado, “contribuirá a bo seguro a un crecemento do emprego e da riqueza nacional, ao clarificar e fixar as regras de xogo neste novo mercado de traballo que nos depara o século que estamos a iniciar”.

O delegada da Consellería de Traballo analizou que o continuo aumento do número de autónomos dependentes “está propiciando un deterioro nas relacións laborais dos traballadores por conta allea, ao incidir a desregulación dos primeiros nas condicións de traballo dos segundos”.

Debén subliñou que, ademais, en España se rexistrou un forte incremento do autoemprego, polo que se sitúa como o cuarto país da Unión Europea en número de autónomos, con case 3 millóns de traballadores e traballadoras, cifra que representa o 16% da forza de traballo.

Precisou, non obstante, que o devandito estatuto se concibe “como un texto de mínimos” que establece as normas esenciais da regulación do traballo autónomo”. Ao seu xuízo, supón un avance nos dereitos e na definición dos traballadores autónomos, do seu nivel de protección social, das súas relacións laborais, así como da definición da figura do autónomo dependente.

Neste sentido, puxo como exemplos que o texto legal establece a definición do traballador autónomo, fixa un catálogo dos seus dereitos e deberes, inclúe as súas garantías; regula a prevención de riscos, establece garantías económicas, e regula o réxime profesional do autónomo dependente.

Asemade, proseguíu, o estatuto recolle a posibilidade de celebrar acordos de interese profesional entre asociacións ou sindicatos de autónomos economicamente dependentes e empresas. Por outra banda, destacou Debén, garante condicións de réxime de descanso e a necesidade de que a extinción do seu contrato estea xustificada.

A representante da Consellería de Traballo explicou tamén que o Estatuto do Traballador Autónomo recoñece un catálogo de dereitos colectivos e que crea un Consello Estatal do Traballo Autónomo. Segundo Debén, en materia de protección social “proponse estender a todos os autónomos a protección social por incapacidade temporal e, no caso dos autónomos dependentes, unha cobertura por accidentes de traballo e enfermidade profesional”. O estatuto recolle ademais o dereito a prestacións por maternidade e paterninade, así como por risco durante a lactancia, engadiu.

Por último, María Debén resaltou que este texto lexislativo estatal manda ao Goberno establecer un sistema específico de protección por cesamento de actividade.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia