Skip to main content

Preséntase o libro Toponimia de Catoira, de Gonzalo Navaza

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou que o proxecto de recollida, análise, depuración e implantación da toponimia tradicional que está a desenvolver o Goberno é un proxecto “ambicioso” e “moi singular”, tanto pola súa duración –practicamente dende a orixe da propia Xunta- como por ser unha iniciativa na que participan de maneira directa todos os departamentos do Executivo. Segundo dixo, isto “pon de manifesto o seu carácter de recuperación da memoria histórica, desa posta en valor do que foi a nosa historia, a historia vencellada aos acontecementos, aos oficios e aos persoeiros, que é o que queda recollido precisamente na toponimia”.

O conselleiro, quen participou na presentación do libro Toponimia de Catoira, realizado por Gonzalo Navaza, membro da Comisión de Toponimia da Xunta e profesor da Universidade de Vigo, recoñeceu que este é un proxecto complicado, xa que Galicia é unha das zonas de España onde hai máis lugares de poboación e, polo tanto, onde hai unha microtoponimia máis desenvolvida. Esta é a razón de que o traballo de recollida de análise dos nomes e de investigación a través das fontes –documentais e da tradición oral- sexa máis complexo do habitual.

Méndez Romeu explicou que na actualidade a cuarta parte da toponimia galega está recollida e catalogada, e que se traballa para ir rematando en diferentes municipios “coa prioridade dos concellos que se están quedando despoboados, onde hai risco de que se perda a memoria histórica das xentes”. Así mesmo, destacou o traballo da Comisión de Toponimia da Xunta, composta por profesionais que desenvolven “un traballo moi difícil e moi rigoroso” que se fai en colaboración dos organismos especializados de carácter internacional.

‘Toponimia de Catoira’

Sobre o libro de Gonzalo Navaza, sinalou que se trata dun exemplo pioneiro e o primeiro traballo deste proxecto rematado e que pode ser presentado ao gran público, e indicou que nel están recollidos arredor de 1.500 topónimos -un número moi elevado que significa arredor de 50 nomes por km2- coa súa correspondente cartografía.

O titular de Presidencia agradeceu tanto aos veciños como ao alcalde do municipio, Alberto García, e á corporación municipal a súa colaboración. Sobre a promesa do rexedor municipal de enviarlle un exemplar a todos os habitantes de Catoira opinou que “seguramente o van recibir con interese” e adiantou que “non é un libro de lectura fácil, senón de consulta” para que as persoas máis interesadas pola pescuda histórica ou as máis novas “poidan ter un feixe de datos”.

Neste sentido, explicou que o libro non se esgota na relación e a análise dos diferentes nomes, senón que engade unha listaxe exhaustiva de toda a toponimia do lugar coas referencias e a bibliografía pertinente para que quen estea interesado poida seguir afondado do tema.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia