Skip to main content

Crearase un fondo de capital semente para impulsar ideas de negocio baseadas no coñecemento e a innovación

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente de Xesgalicia, José Ramón Fernández Antonio, anunciou a creación dun fondo de capital semente orientado a apoiar e impulsar a posta en marcha de proxectos empresariais de emprendedores. A finalidade do novo fondo é fomentar e impulsar a actidude emprendedora nos xóvenes para promover a creación de empresas, polo que combinará o apoio financeiro co asesoramento derivado da experiencia de Xesgalicia. “Ofrecemos un valor engadido aos fondos financeiros para axudar a levar á práctica boas ideas de negocio”, explicou o conselleiro.

A creación do novo fondo, que terá unha dotación inicial de 2 millóns de euros, foi aprobada hoxe no consello de dirección de Xesgalicia, sociedade participada pola Xunta de Galicia e Ahorro Corporación, que complementa así a súa gama de fondos. “O novo fondo apoiará aos emprendedores, principalmente xóvenes, dende o inicio dos seus proxectos, é dicir, dende a idea de negocio”, afirmou o conselleiro. A iniciativa responde á necesidade de engadir aos fondos que xa ten Xesgalicia un instrumento para apoiar ideas de negocio dende o mesmo inicio para facilitar e acadar a súa transformación nun proxecto empresarial. O capital semente, como suxire o seu nome, alimenta e vigoriza o binomio composto pola idea de negocio e o emprendedor na complexa fase inicial de desenvolvemento.

O novo fondo apoiará preferentemente ideas vinculadas á innovación e ás novas tecnoloxías en campos como a biotecnoloxía, as telecomunicacións, as enerxías renovables ou o medioambiente. En xeral, apoiaranse ideas vinculadas ao desenvolvemento tecnolóxico polo que se pode dicir que é un fondo ‘coñecemento’ en sentido amplo, na medida en que contempla posibilidades como a innovación tecnolóxica e de procesos ou o desenvolvemento de produtos ou servizos de alto valor engadido.

A iniciativa para a creación do fondo enmárcase no plan estratéxico de Xesgalicia que contempla o crecemento a través de novos fondos, mediante a ampliación dos actuais e a creación doutros novos. Actualmente, a sociedade dependente da Consellería de Economía e Facenda xestiona Sodiga –para proxectos empresarias maduros e grandes- e os fondos Emprende, Adiante e Aquagal. O novo fondo complementa esta gama na medida en que cubre unha fase que non tiña cabida nos actuais fondos e que agora se converte nun complemento deles.

A continuación natural dun proxecto acollido ao novo fondo pode ser calquera dos outros, e mesmo permite colaboración con outros instrumentos de apoio aos emprendedores tanto da Administración como de entidades financeiras e universidades. Neste sentido, será unha ferramenta máis no entramado da triple hélice que está a potenciar o Goberno galego.

Nesa liña, Xesgalicia ten iniciada unha estratexia que persegue o incremento das sociedades participadas mediante unha política de desinvestimentos máis áxil que permita unha maior rotación dos recursos. O obxectivo final da sociedade é o apoio e consolidación das iniciativas empresariais en sectores asentados en Galicia, e promover a apertura de novas oportunidades en sectores emerxentes vinculados coas novas tecnoloxías, a innovación e a xeración de emprego e riqueza”.

Proxectos vinculados ao sector loxístico

Xunto coa creación do fondo, o consello de Xesgalicia aprobou a participación da sociedade en sendos proxectos empresariais. O primeiro é a entrada no capital da compañía Transporte Aéreo de Vigo promovida pola Autoridade Portuaria de Vigo, Caixanova e un grupo de empresarios galegos dos sectores pesqueiro e loxístico. Xesgalicia participará cunha aportación de 60.000 euros que lle otorgan o 9% do capital dunha sociedade que terá como actividade o transporte de peixe fresco por vía aérea entre Vigo e países como Mauritania, Portugal e Brasil. Mediante o aproveitamento da infraestrutura portuaria e aeroportuaria de Vigo, o proxecto potenciará unha rede de transporte intermodal co peixe fresco de produto principal e mercancías diversas para os retornos das rutas.

Por outra banda, o consello de Xesgalicia tamén aprobou destinar 110.000 euros ao proxecto promovido pola firma Innovación Logística Cargo X-Press. Dita participación, que inclúe unha achega de 40.000 euros e un préstamo participativo polo resto, permitirá impulsar un novidoso proxecto de loxística marítima integral baseado no deseño e posterior desenvolvemento dun buque portacontenedores tipo catamarán de funcionamento sinxelo, baixo custo e gran capacidade de carga. A idea enmárcase nas orientacións do Libro branco da UE apra o desenvolvementos das Autoestradas do Mar e xa ten recibido o apoio do Programa Profit para a realización dun estudo de viabilidade. Esta iniciativa, segundo explicou o conselleiro, amosa a nova actividade de Xesgalicia no ámbito do apoio a proxectos innovadores dende a súa xénese.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia