Skip to main content

Axentes forestais de Galicia denuncian falta de diálogo da Administración e carencia de medios para combater os incendios

As organizacións que constitúen a Plataforma Sindical de Axentes
Forestais de Galicia (formada polos sindicatos CC.OO., CSI-CSIF e
UXT), e mais as organizacións CIG e a Asociación Profesional de
Axentes Forestais de Galicia (APRAFOGA), reuníronse en Santiago nunha rolda de prensa para denunciara “falta de diálogo” manifestada polas Consellarías do Medio Rural e de Medio Ambiente en relación con este corpo de profesionais.

A principal queixa do colectivo está en que non foron chamados a
participar na mesa de seguimento dos acordos asinados no 2004, e iso a pesar dos reiterados contactos realizados polos sindicatos, que non obtiveron ningunha resposta.

O silencio administrativo da Xunta atribúeno a que o Executivo
autonómico “compuxo” a súa xestión mediambiental á medida dos dous partidos que gobernan (PSOE e BNG), sendo que os axentes forestais quedan asignados ben á Consellería de Medio Ambiente, ben á do Medio Rural, pero cunha “relación nula” entre ambos departamentos, o que prexudica o labor dos profesionais.

Ademais desta falta de diálogo e silencio administrativo, os axentes forestais galegos tamén denunciaron a falta de medios coa que traballan. Segundo sinalaron, desde que se creou o corpo en 1984, continúan sendo os mesmos 550 efectivos, mentres que o número de incendios e de áreas protexidas se incrementou.

Aviso de folga

Outra crítica dos axentes é que a Xunta se dedique a “inventar
fórmulas distintas” cuxas consecuencias “xa se verán”, entre elas a inclusión de membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado ou de voluntarios. Sobre os segundos, os axentes aclaran que a presenza dos voluntarios “non deixa de ser boa”, pero inciden en que non están formados para estas tarefas, e quéixanse tamén de que teñan acceso a equipamento e medios (prismáticos, vehículos ou uniformes) que reiteradamente lles son negados a este grupo de profesionais.

Diante desta situación, o vindeiro 24 de maio reuniranse en Silleda representantes deste corpo para decidir se convocan unha folga.
Xerardo Uz Rodríguez (Oficina de Prensa CC.OO.)