Skip to main content

Nota dos bispos da provincia eclesiástica ante as eleccións municipais de 2007

Coma Bispos da Igrexa Católica en Galicia queremos lembrar ós nosos diocesanos e a todos os homes de boa vontade algunhas orintacións morais concretas expostas xa na Doutrina Social da Igrexa.

Co noso voto elexiremos ós que van ocupar postos de governo e influirán dun ou doutro xeito nas condicións da nosa vida. É verdade que cada un ha de decidir libremente co seu voto, pero
esta liberdade non quere dicir arbitrariedade nin indiferenza. O bo criterio dos votantes é o verdadeiro garda da saúde moral e cultural das sociedades e dos pobos.

Votar é un dereito civil e constitucional do que non debemos sentirnos dispensados a non ser por motivos graves. O exercicio deste dereito con liberdade e responsabilidade esixe un
discernimento claro e razoado sobre os programas das diferentes opcións políticas que se presentan ás urnas e se dan a coñecer a través da publicidade e a propaganda. Ter unha información correcta e contrastar a credibilidade e a capacidade profesional dos candidatos serán un punto de referencia.

Por outra banda, é bo extremar o rigor e a esixencia dos candidatos, renunciando ás descalificacións gratuitas, e non deixándose levar por actitudes demagóxicas, tal vez deslumbrantes pero non iluminadoras. Unha campaña serena nos modos e expresiva nos contidos axudará a que os cidadáns decidan a súa opción política.

A transparencia, a imparcialidade no servizo da administración pública, o respecto dos dereitos dos adversarios políticos, o rexeitamento dos medios equívocos ou ilícitos para conquistar, manter ou aumentar o poder a calquera custe son signos que nos poderán axudar a facer o discernimento responsable que esixe o acto da votación. A razón de ser da política que busca a digna e xusta configuración da vida social, é o servicio ás persoas coas súas esixencias transcendentes. O poder político coma factor de cohesión ha ter sempre coma objectivo o ben común, coma ben de todos, especialmente dos máis necesitados.

Agradecemos ós nosos políticos a súa adicación e entrega a través da xestión dos asuntos públicos en favor de todos e animámolos a ofrecer este servizo con disponibilidade, competencia, honradez e xenerosidade.

Louvamos ó Señor coa intercesión da Virxe María que estas eleccións contribúan ó ben común de todos.

+ Xulián, Arcebispo de Santiago de Compostela
+ Xosé, Bispo de Lugo
+ Xosé, Bispo de Tui-Vigo
+ Luis, Bispo de Ourense
+ Manuel, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
Gabinete de Comunicación do Arzobispado de Santiago de Compostela