Skip to main content

A Consellería de Traballo destaca o papel dos emprendedores para a creación do tecido empresarial de Galicia

O director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca, destacou o papel dos mozos e mozas emprendedores para a creación e desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. O director xeral fixo estas declaracións no acto de entrega dos Premios MOCE, organizados pola Obra Social Caixa Galicia e a Fundación Ronsel.

Pastor Fuenteseca salientou os servizos de que dispón a Consellería de Traballo para apoiar aos emprendedores e fomentar o autoemprego. Fixo fincapé en que os mozos e mozas interesados que sintan interese por esta vía de acceso ao mercado laboral teñen á súa dispoción liñas de subvencións, pero tamén servizos de asesoramento.

Neste sentido, o responsable de Formación de Traballo subliñou que os interesados en desenvolver un proxecto empresarial contan con servizos de titorización por parte de axentes da Consellería para axudalos nas distintas fases: a creación da empresa, a posta en marcha da actividade e no desenvolvemento e consolidación.

Por outra banda, Fuenteseca felicitou ás tres empresas gañadoras do certame Módulo Ocupacional de Creación de Empresas (MOCE): Makmader, Comercialización de Maquinaria Forestal; Zarifo Tours, Agencia de Viajes; e Vidrio Arte Recicle, Taller de Reciclado.

O número de proxectos presentados a esta segunda convocatoria dos MOCE foi de 102, dos que 50 foron aceptados como candidatos aos premios. Tras aplicarse os criterios de valoración que inclúen as bases, foron 10 os proxectos seleccionados como finalistas, que recibiron durante a cerimonia unha mención especial.

En virtude do certame, os tres proxectos gañadores recibiron un premio de 3.000 euros cada un. Os restantes 7 proxectos finalistas foron premiados cunha axenda electrónica. A dotación económica destes premios corre a cargo da Obra Social de Caixa Galicia.

Estes días están comezando a desenvolerse os cursos do Plan de Formación e Inserción Profesional 2007 (Plan FIP), entre os que está incluído o MOCE. Só os alumnos e alumnas que participen neste módulo ocupacional poderán ser candidatos á terceira edición dos premios do mesmo nome.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia