Skip to main content

Xornada de intercambio de experiencias entre Galicia e Madrid sobre a atención ao cidadán

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de celebrar unha xornada de traballo coa Comunidade Autónoma de Madrid na liña de traballo iniciada polo Observatorio de Calidade e Administración electrónica (OCEG), onde técnicos da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación de Políticas Públicas xunto con técnicos da Dirección Xeral de Calidade nos Servizos e Atención o Cidadán da Administración autonómica de Madrid expuxeron os seus programas de traballo nos ámbitos da atención ao cidadán, así como dos programas de avaliación dos servizos públicos e cartas de servizo.

Coa fin de intercambiar coñecementos e experiencias no ámbito da calidade nos servizos públicos, o departamento que dirixe José Luis Mendez Romeu expuxo hoxe os seus avances no modelo de avaliación a través de directrices de mellora, así como a metodoloxía proposta para o desenvolvemento das cartas de servizos, programas nos que xa están a participar unidades administrativas de diferentes consellerías da Xunta de Galicia.

Doutra banda, os técnicos galegos escoitaron a exposición dos seus homólogos madrileños en torno a estratexia de mellora desenvolvida nos últimos 10 anos en materia da autoavaliación, así como o actual impulso á utilización do modelo EFQM. No ámbito das cartas de servizo, Madrid explicou o seu carácter pioneiro no desenvolvemento destas ferramentas, así como o pulo que está a dar á dispoñibilidade de indicadores e compromisos cara ao cidadán e a súa utilización, no que xoga un papel fundamental a ferramenta informática de apoio CSER de recente posta en marcha.

A parte final da xornada de traballo xirou entorno aos canles de atención ao cidadán, tanto na parte presencial como na atención telefónica o presenza web, expoñendo ambas comunidades a situación actual e os proxectos en curso.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia