Skip to main content

Destínanse 600.000 euros á mellora da competitividade dos sectores naval e da madeira

A Consellaría de Innovación e Industria ten previsto destinar 600.000 euros ao desenvolvemento de distintas actuacións dirixidas a potenciar os sectores galegos da construción naval e da madeira, en virtude de dous convenios de colaboración, que serán aprobados polo Consello da Xunta, coa Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e coa Asociación Empresarial Clúster da Madeira de Galicia, respectivamente.

En virtude do acordo con Aclunaga, cunha achega por parte da Consellaría de 300.000 euros, desenvolveranse cinco liñas básicas de actuación: a convocatoria de 21 bolsas de formación coa finalidade de formar a persoal técnico e xestores especializados no sector naval (14 con perfil técnico e 7 con perfil de administración de empresas); o deseño e implantación de modelos de xestión excelente nas empresas da industria auxiliar, cuxo desenvolvemento permitirán realizar unha diagnose da situación real e un plan de excelencia encamiñado a mellorar a xestión; a elaboración dun plan de formación das empresas da industria auxiliar do sector naval galego cara ao período 2007-2013; a organización de distintas conferencias de carácter técnico sobre asuntos de actualidade referidos á construción naval; e a asistencia do sector galego a feiras internacionais do ámbito da construción e a reparación naval, como Sinaval, Londo Shiprepair&Conversion 2007, Norshipping Oslo, Off-Shore Brasil, Europort Rotterdam ou Marintec China.

A través do convenio de colaboración co Cluster da Madeira, cunha achega por parte da Consellaría tamén de 300.000 euros, desenvolveranse as seguintes actuacións: creación dun observatorio de tendencias para as actividades de carpintería e mobiliario, coa finalidade de satisfacer unha das grandes necesidades deste subsector que é a de coñecer coa maior antelación posible cales son as últimas tendencias no sector, tanto a nivel de materiais como de deseños, texturas, cores, ou consumo; desenvolvemento dun plan de marketing horizontal sctorial, co obxectivo de identificar a cadea de valor de coñecemento do sistema produtivo e as bases de coñecemento ligadas aos colectivos dos prescriptores dos produtos e servizos relacionados coas empresas do sector, desenvolvendo ferramentas que faciliten as prestacións deste elemento aos profesionais; organización de conferencias de carácter técnico sobre temas relacionados co sector da madeira; convocatoria dun concurso coa finalidade de implicar aos prescriptores do sector no uso da madeira; organización da IV edición das Xornadas Internacionais de Deseño; asistencia a feiras de carácter sectorial de interese para o sector, como Cosmu 2007 ou Word Congreso Furniture; e, por último, o desenvolvemento das accións previas para a implantación do proxecto “Xestión Lean” en varias empresas do sector (co obxectivo de implantar un sistema de xestión baseado na estandarización como sistema de mellora nos procesos internos da empresa en todos os ámbitos, aforrando deste xeito recursos que non acheguen valor engadido.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia