Skip to main content

Prevención e reeducación, eixes do Plan da infancia e da adolescencia 2007-2010

A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, sinalou na Comisión 5ª do Parlamento, que os tres eixes básicos en torno aos que xira o Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia 2007/2010 son a prevención, a protección e a reeducación dos menores. Lago tamén sinalou que un dos principais obxectivos deste plan é favorecer o acollemento familiar dos nenos, xa sexa na súa propia familia ou nunha familia allea, e reducir o seu internamento en centros. Neste senso, apuntou que Vicepresidencia pretende reducir ata un 30% o número de menores internados en institucións de aquí a tres anos.

A nova política da Xunta en relación aos menores e adolescentes baséase, por primeira vez, na anticipación e na planificación, xa que, ata o de agora, non existía nin un sistema de información nin unha política preventiva que evitara as situacións de desprotección dos menores, sinalou a secretaria xeral do Benestar.

Entre as principais actuacións que recolle este plan figuran a creación da Mesa Galega de Protección da Infancia e a posta en marcha dun programa piloto en 60 concellos galegos para a implantación dun sistema de prevención primaria integral.

O Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia para o período 2007-2010, conta cun orzamento superior aos 50 millóns de euros, que se suma ao orzamento ordinario destinado a esta materia.

Prevención

A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, sinalou que se vai poñer en marcha un programa piloto en 60 concellos das catro provincias galegas co fin de implantar un sistema de prevención primaria integral. Destes concellos, 9 son da provincia da Coruña, 15 de Lugo, 23 de Ourense e 13 de Pontevedra. Os concellos foron seleccionados en función da área de poboación –urbana, metropolitana, semiurbana, rural ou rural de elevada dispersión- e en función do número de habitantes. Este programa piloto inclúe actuacións formativas e de sensibilización que se levarían a cabo en colaboración cos servizos de atención primaria dos concellos, coas que se pretende reforzar a atención e coidado aos nenos. O obxectivo que persegue esta actuación, segundo Lago é anticiparse e actuar sobre as causas dos problemas e non limitarse a reaccionar ante as súas consecuencias.

A secretaria xeral do Benestar engadiu que para que a prevención sexa verdadeiramente efectiva precísase a implicación dos outros departamentos da Xunta de Galicia, das demais administracións, das entidades que traballan con menores, dos medios de comunicación e das familias. Para canalizar esta colaboración, o Plan prevé a creación da Mesa Galega de Protección á Infancia, formada por profesionais dos servizos sociais, da Sanidade, da Xustiza, da Educación, representantes das forzas de seguridade, das entidades de iniciativa social e de asociacións veciñais.

Protección

O segundo eixe fundamental do Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia é a protección. Este enfoque preventivo, sinalou Lago, combínase cunha aposta decidida polo desenvolvemento do neno no seo dunha familia, xa que é o entorno máis favorable para o seu benestar. Neste senso, o obxectivo é inverter a tendencia actual na que se abusa do mantemento dos menores en centros fronte á utilización doutras figuras como o acollemento familiar. O obxectivo do Plan é reducir ata nun terzo, o número de nenos e nenas acollidos en institucións de aquí ao 2010 e aumentar o acollemento familiar nun 35% e a atención de día nun 46%. Neste senso, estase traballando xa na conversión de prazas de internamento en prazas de atención de día e vanse incrementar estas últimas ata que supoñan o 40% das prazas totais dispoñibles.

Nesta aposta, sinalou, a Administración Pública debe tamén adquirir unha maior responsabilidade na protección da poboación infantil, desenvolvendo un papel máis activo neste campo, colaborando máis estreitamente coas entidades que desempeñan a súa actividade neste eido e exercendo unha maior coordinación e unha supervisión máis rigorosa e eficaz.

Reeducación

O terceiro eixe fundamental deste plan é a reeducación, por iso, a Vicepresidencia aposta por evitar a xudicialización dos menores e potenciar a mediación e a reparación extraxudicial. Neste senso, a secretaria xeral sinalou que é preciso mellorar a calidade da atención residencial e realizar un esforzo na formación dos profesionais que atenden aos menores.

Novos equipamentos

A implantación deste plan implica a posta en marcha de novos equipamentos en toda Galiza, tanto de protección como de reeducación. No que se refire aos equipamentos especializados na área de protección, crearanse 4 unidades de primeira acollida e valoración, 1 centro para menores con problemáticas de saúde mental, 2 centros de protección difícil, en substitución do Xoan Vicente Viqueira, 2 miniresidencias, 4 centros de atención de día integral, 4 módulos en centros para adolescentes cos seus bebés e 2 vivendas Mentor (de tránsito á vida independente por cidade). No que se refire á área de reeducación, crearanse 4 centros de coordinación de medidas de medio aberto, CIENMA, 1 centro de reeducación pechado na provincia de Lugo, 1 centro terapéutico na zona norte e 2 pisos CONVIVE por cidade.

Obxectivos estratéxicos do plan

Un dos obxectivos do Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia 2007-2010 é deseñar, programar, publicar e divulgar unha prevención primaria de largo percorrido, que teña como destinatarios a toda a sociedade galega e como poboación diana, aos nenos e nenas de 0 a 18 anos. O Plan pretende tamén orientar todas as medidas de protección dispoñibles nos marcos legal e no administrativo galegos cara á superación das circunstancias ou situacións de desprotección, en contextos familiares normalizados: o biolóxico e/ou de familia extensa e senón en familias alternativas. Deste xeito, preténdese potenciar o acollemento familiar así como os programas de atención de día, atendendo así á lexislación vixente, que sinala o acollemento residencial como o último recurso a utilizar para garantir a protección dun neno ou dun adolescente.

O outro obxectivo fundamental do plan, cuxo contido explicou hoxe no Parlamento a secretaria xeral do Benestar é a modernización e implantación de programas de calidade no sector, para o cal se prevé a creación da Axencia Galega de Atención a menores, que se inclúe dentro da Lei de Servizos sociais, como un mecanismo de xestión máis axeitado para o desenvolvemento das políticas de actuación en materia de menores, con criterios de eficacia e eficiencia.

Con este mesmo obxecto, a Secretaría xeral do Benestar, está a participar en dous programas europeos, o “Social Vilage” con Italia e Grecia, relativo a creación dunha plataforma de información europea para persoas en risco de exclusión social ou con discapacidade, e o programa “Progress” en colaboración co Governo das Açores, Canarias e Bruxelas, relativo á creación dunha rede europea para o estudio e intercambio de experiencias sobre os problemas dos menores tutelados polas administracións públicas.

Plan “realista e dinámico”

A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, referiuse a este plan como un proxecto “realista,dinámico e aberto” e salientou que a súa elaboración foi “participativa e consensuada” cos distintos profesionais especialistas nesta temática.

Chus Lago salientou a importancia deste plan para acabar cunha política de menores nefasta, na que “non existía nin planificación de prazas, nin de gasto, nin de necesidades” e na que se dedicaban máis cartos ao internamento dos menores que a programas de acollemento. De feito, en Galiza no ano 2005, antes da chegada do novo goberno, había un 10% máis de tutelas ca no resto do Estado. “A foto de distribución dos recursos era lamentable”, apuntou Lago. Dos case 100 centros de menores que hai en Galiza, salientou, só 11 son de titularidade pública e, destes, só 6 son xestionados directamente pola Xunta.

Ademais, sinalou a secretaria xeral do Benestar, ata hai poucos meses, os centros de protección e de reforma non estaban separados, de xeito que convivían nenos en situación de desamparo con aqueles que estaban cumprindo algunha sentenza xudicial. Esta separación atendendo á tipoloxía dos centros, xa se levou a cabo durante o 2006.

Chus Lago apuntou outras medidas complementarias na política de menores que se levaron a cabo neste ano e medio, como son a creación de 5 equipos de adopcións e 1 de adopcións especiais, a posta en marcha dun programa de reeducación de menores maltratadores dos seus pais ou a creación dun servizo de inspección de centros de menores específico. Ademais incrementáronse as axudas de integración ao menor, así como as contías que reciben as familias acolledoras e duplicouse o orzamento destinado a acollemento familiar, que pasou de 200.000 euros no ano 2005 a 400.000 no 2007.

A secretaria xeral do Benestar tamén destacou a creación da figura de coordinador nas distintas delegacións da Vicepresidencia, a elaboración dun estudo de reincidencia de menores con medidas xudiciais e a revisión do protocolo de colaboración coa policía autonómica. Benestar está implantando ademais, de forma progresiva o RUMI, Rexistro Unificado de Maltrato Infantil e está a traballar na modificación da normativa específica cunha nova Lei de Atención á Infancia.

Outras das medidas complementarias ao Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia 2007-2010 ás que fixo referencia a secretaria xeral do Benestar foron tamén a creación do Observatorio da Infancia e da figura do Valedor do Menor.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia