Skip to main content

Pesca asinará un convenio de colaboración coa USC e o Ifapa para a realización dun estudo sobre a perkinsose no litoral español

O Consello do Goberno galego autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Instituto Andaluz de Investigación e Formación Agraria, Pesqueira, Alimentaria e de Produción Ecolóxica (IFAPA) para a
realización do proxecto de investigación “A Perkinsose no litoral español: caracterización das variantes taxonómicas do parásito, do seu ciclo de vida e da resposta inmunitaria do hospedador” liderado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). A través deste documento, a Consellería de Pesca pretende regular a colaboración entre as distintas institucións, que forman o equipo de investigación, para o
desenvolvemento deste ambicioso estudo.

Investigadores do CIMA, da USC e o IFAPA elaboraron conxuntamente este proxecto, que foi presentado polo Centro de Investigacións Mariñas na convocatoria de axudas a proxectos de investigación no marco do Plan Nacional de I+D+I 2004-2007 do Ministerio de Educación y Ciencia (MEC). A iniciativa foi aprobada e adxudicada a esta entidade solicitante coa concesión dun total de 157.300 euros para a súa realización. Deste xeito, a sinatura deste convenio que autorizou o Consello da Xunta, servirá para establecer as reglas de execución entre os equipos participantes das diferentes institucións, así como a distribución e a financiación entre
elas.

O estudo “A Perkinsose no litoral español: caracterización das variantes taxonómicas do parásito, do seu ciclo de vida e da resposta inmunitaria do hospedador” ten por obxectivo determinar se existen no litoral español outras especies non recoñecidas e linaxes xenéticas diferentes dentro das especies con diferencias na patoxenicidade, que requirirían un grao de
vixilancia e control diferente. Así mesmo, pretende esclarecer as vías de transmisión da enfermidade no medio natural, algo importante de cara a implementar estratexias de loita, e, tamén, identificar e caracterizar xenes que se expresan e proteínas cuxa síntese se induce na resposta inmune da ameixa fronte á perkinsose.

A perkinsose é unha enfermidade xerada polos parásitos do xénero Perkinsus que están presentes nos cinco continentes e que, en moitos casos, provocan unha alta mortalidade dos moluscos. A trascendencia económica que supón a presenza desta enfermidade fixo necesaria a toma de medidas a nivel internacional para impedir a súa expansión e mitigar os seus efectos, de ahí o impulso e o interese dos investigadores do CIMA, a USC e o IFAPA na posta en marcha deste estudo. De feito, no litoral español xa se teñen identificado dúas especies deste parásito que afectan a varias especies de moluscos con interese comercial. En Galicia, en concreto, esta patoloxía pode afectar á ameixa que se produce nas nosas costas, incidindo negativamente no seu crecemento e capacidade
reprodutiva, así como repercutindo na súa taxa de mortalidade.

Encontro internacional en Galicia para analizar esta enfermidade

O equipo de investigación do CIMA encargado do estudo da perkinsose no litoral español, tamén coordina a realización do “Taller Internacional para a Análise do Impacto da Perkinsose sobre o Sector do Marisqueo en Europa” que se celebrará entre os días 12 e 14 do mes de setembro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) en Vigo. Trátase dunha reunión de expertos de catro continentes, entre os que se atopan produtores, investigadores e representantes da administración, na que se
abordará a ameaza que supón a perkinsose para o sector marisqueiro de Europa.

Este encontro, financiado pola Comisión Europea, será unha boa oportunidade para debater sobre diferentes aspectos desta enfermidade e poder reunir toda a información actualizada posible sobre a mesma: prioridades de investigación e recomendacións para o sector e as
autoridades responsables de saúde animal. Todo este material será recollido nunha publicación co obxectivo de garantir unha ampla difusión do seu contido.

Os prazos de inscripción e a proposta de ponencias para o Taller xa están abertos. A asistencia a estas xornadas será de balde e todos os interesados poderán consultar as instrucións de participación en http://www.cetmar.org/woper.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia