Skip to main content

Bruxelas conmemorou o Día das Letras Galegas cun espectáculo de contacontos

Bruxelas conmemora este ano o Día das Letras Galegas cun espectáculo de contacontos que organizan a Fundación Galicia Europa, o Instituto Cervantes e a Asociación Couto Mixto de Bruxelas. Trátase de que a capital europea acolla, como cada ano, eventos conmemorativos desta onomástica galega.

Nesta ocasión, trátase dun espectáculo de contacontos a cargo do escritor Xabier Docampo que se celebra o xoves, 24 de maio, ás 18,30 horas nas instalacións do Instituto Cervantes. Segundo o previsto, o encontro desenvolverase co formato de café-teatro, onde os asistentes poderán gozar da actuación ao tempo que degustan productos gastronómicos galegos.

Xabier Docampo é un dos defensores e promotores da lingua e da cultura galega. A el pertencen éxitos da literatura xuvenil como O Misterio das Badaladas e Cando Petan na Porta pola Noite (Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 1995). Así mesmo, é mestre involucrado activamente nos movementos de renovación pedagóxica e coautor de varios libros de texto. Tamén ten impartido diversas conferencias sobre a didáctica da lingua e a literatura, ademais de desenvolver labores de xornalista en diferentes medios de comunicación.

Colaboración co Instituto Cervantes e Couto Mixto

A colaboración do Instituto Cervantes e a Fundación Galicia Europa non é nova nesta tarefa de difundir a lingua e a literatura galegas en Bruxelas. A este traballo conxunto súmase nesta ocasión, a achega da asociación Couto Mixto de Bruxelas, que tamén ten como finalidade promover a cultura e as linguas de Galicia e Portugal na capital belga.

Este acto conmemorativo do Día das Letras Galegas en Bruxelas 2007 inaugura oficialmente a cooperación entre a Fundación Galicia Europa e a Asociación Couto Mixto de Bruxelas na realización de actividades con obxectivos comúns.







Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia