Skip to main content

Vilagarcía e Ourense acollen o segundo partido das seleccións galegas de baloncesto

O segundo partido das seleccións galegas de baloncesto disputarase en xuño. A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, presentaron esta segunda aposta logo de que o ano pasado Galiza se enfrontase a Xapón, en Lugo na modalidade masculina, e en Vigo na feminina. Esta vez, as e os baloncestistas galegos mediranse a Bielorrusia.

Para esta segunda cita, os escenarios escollidos foron Vilagarcía e Ourense. Martín Micó destacou que " o partido da nosa selección feminina será unha homenaxe a Vilagarcía pola súa tradición no baloncesto feminino, xa que a través do Extrugasa ten levado ao máis alto ao baloncesto feminino galego", e destacou que este ano o Extrugasa xoga os play-off e busca a clasificación para Europa. O partido entre a selección feminina galega e a bielorrusa xogarase o 18 de xuño, ás 21h no Pavillón Fonte Carmoa. As galegas estarán dirixidas por Miguel Méndez e máis pola adestradora do Arxil, Maite Méndez.

En canto ao combinado masculino, Ourense foi a cidade escollida. Alí, Galiza e Bielorrusia enfrontaranse ao día seguinte, 19 de xuño, ás 21h, no Pazo dos Deportes. Quino Salvo repetirá como seleccionador masculino, esta vez acompañado por Ana Álvarez.

Francisco Martín Micó agradeceu a confianza da Dirección Xeral para a colaboración na organización destes dous partidos, e asegurou que serán partidos "moi disputados, xa que Bielorrusia ten unha selección nova e moi competitiva, que agora mesmo aspira ao pre-europeo".

Apoio dos afeccionados

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, confiou en que os afeccionados galegos ao deporte e ao baloncesto "arroupen á nosa selección como o fixeron o ano pasado fronte a Xapón, porque lucir a camisola de Galiza é sermpre un motivo de ilusión".

Os prezos das localidades serán, para os dous encontros, de 3 euros, unha cantidade moi asequible para que os pavillóns volvan estar ateigados. Nas vindeiras datas cada partido será presentado en Vilagarcía e Ourense, onde se darán a coñecer as listas de seleccionados e seleccionadas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia