Skip to main content

Investiranse 10 millóns de euros na compra de 9.000 ordenadores para os centros educativos galegos

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reafirmou a aposta do Goberno galego a prol da mellora da calidade dos centros educativos a través da adquisición dun total de 9.066 ordenadores. O Consello da Xunta autorizou a adxudicación por un valor superior aos 10 millóns de euros de 7000 equipos persoais dotados con monitores e 2000 portátiles para este ano 2007.

A Xunta de Galicia continúa así unha liña de traballo que comezaba o pasado ano coa distribución aos centros educativos da comunidade de 12.500 PCs, 2.900 portátiles, 1.000 vídeo-proxectores, 1.000 impresoras e 308 pizarras dixitais. Este conxunto de actuacións forman parte, como explicou Pérez Touriño, “do esforzo por incorporar as novas tecnoloxías e a implantación no manexo das tic”.

Tal e como sinalou o máximo mandatario galego estas iniciativas responden ao obxectivo planteado no programa electoral de que ao final da lexislatura o ratio se sitúe nun ordenador por cada dous alumnos. Destacou que coa inversión anunciada hoxe se sitúa en 7 alumnos por cada ordenador nos centros públicos, ratio que no ano 2005 estaba nos 11 alumnos por cada equipo.

A esta dotación de 9.066 ordenadores, hai que engadir outras medidas que o Executivo galego vai desenvolver como o esforzo por estender a conexión a través de adsl ao centros educativos facendo chegar o sinal a todas as aulas. Trátase “dun obxectivo moi ambicioso no que se está a traballar”, sinalou.

Ademais, destacou que se están realizando programas de formación e incorporación dos profesores dos centros públicos no manexo educativo das novas tecnoloxías.

Ensino nos centros penitenciarios

O presidente da Xunta deu conta ademais do acordo do Consello da Xunta polo cal as institucións penitenciarias da comunidade contarán con centros públicos de educación e promoción de adultos. Tal e como explicou Pérez Touriño, estes centros instalaranse en todas as sedes penitenciarias galegas: no concello de Teixeiro, Curtis, Bonxe, Outeiro de Rei, Monterroso, Pereiro de Aguiar e A Lama.

Nestes centros, establecerase un plan de formación co obxectivo de que os internos poidan cursar ensinanzas básicas equivalentes ás obrigatorias e post-ogrigatorias. Así mesmo, contarán cun profesorado que imparta docencia en horario de mañá e de tarde, nas mesmas condicións que o resto dos centros da comunidade. “Trátase de facilitar os procesos de formación ao longo da vida dos internos que están nestas institucións e fomentar a adquisición de competencias”, explicou o presidente.

Automatización, mantemento e limpeza de Sogama

O Consello da Xunta autorizou ademais un gasto superior aos 22 millóns de euros destinados á automatización da planta de clasificación de envases lixeiros de Sogama. Este investimento permitirá recuperar 9.500 toneladas de envases ao ano. Contratarase un novo sistema de automatización, mantemento e limpeza da planta para “mellorar a eficiencia dende o punto de vista do reciclaxe e a eficiencia medioambiental da mesma”. Conséguese así, segundo explicou Pérez Touriño, “unha reinversión do excedente que repercutirá na mellora da planta e do tratamento medioambiental”.

Por outra banda, o presidente galego informou de que a Consellería de Medio Ambiente asume a xestión e explotación da depuradora de Pontevedra para a posta en funcionamento de todas as súas instalacións. Esta actuación suporá un investimento de case 7 millóns de euros destinados á “xestión e financiación das instalacións construídas e das complementarias necesarias”. Tal e como explicou o Xefe do Executivo galego esta medida permitirá avanzar no saneamento integral da ría de Pontevedra, un acordo concertado co concello en relación coa xestión do servizo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia