Skip to main content

Emigración convoca os programas para que os galegos residentes no exterior viaxen a Galicia

A Secretaría Xeral de Emigración, coa fin de promover a participación da colectividade galega residente no exterior na vida cultural e social do país, vén de convocar no DOG a orde pola que se regulan os programas das viaxes a Galicia que permitirán aos galegos residente no exterior o contacto coa súa familia e coa súa terra. Os programas convocados son “Volver á terra”, Volver á casa”, e “Viaxes de lecer”.

O primeiro deles está dirixido a facilitar o reencontro a aqueles emigrantes galegos residentes en Iberoamérica que non tivesen participado en programas de viaxe da Secretaría Xeral de Emigración nos últimos 15 anos. Na execución deste programa contarase coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Os beneficiarios estarán durante un período máximo de 14 días no mes de novembro, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia, programándose actividades e excursións que favorezan o reencontro coa súa terra. Rematada esta estadía, poderán permanecer cos seus familiares en Galicia, ata completar un período máximo de 3 meses, sendo pola súa conta durante este tempo os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro gasto derivado da súa estadía. O número de prazas asignadas a este programa é de 131.

O programa “Volver á casa” permite conceder viaxes a Galicia a custo reducido a emigrantes galegos e aos seus fillos todos eles maiores de cincuenta e cinco anos e residentes en Iberoamérica. Asemade poderán ser beneficiarios ás persoas unidas a eles por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. O programa desenvolverase preferentemente no mes de setembro. Esta modalidade de viaxe contempla que participen ata 336 beneficiarios.

En terceiro lugar, o programa “Viaxes de lecer”, ten por obxecto ofrecer un tempo de lecer aos emigrantes galegos residentes en Europa e aos naturais de Galicia asentados noutras comunidades autónomas de España, para gozaren e coñeceren a realidade actual de Galicia, con actividades de convivencia e culturais referidas á nosa lingua, historia, así como os nosos costumes tradicionais. Poderán ser beneficiarios as persoas unidas a eles por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. Os beneficiarios gozarán dunha estadía máxima de 14 días no mes de novembro nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia xestionado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. O número de prazas convocadas neste programa é de 136.

O crédito inicialmente destinado para subvencionar estes programas é de 350.000 euros, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias. A dita contía distribuirase da maneira que segue. Programa Volver á terra: 154.000 euros.

Programa Volver á casa: 171.000 euros. Programa Viaxes de lecer: 25.000 euros. O crédito asignado inicialmente a cada programa poderá ser redistribuído internamente entre os distintos programas en función das solicitudes de axuda presentadas e concedidas.


Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia