Skip to main content

Presentado o estudo sobre a inmigración na prensa galega

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, sinalou, durante a presentación do libro A inmigración na prensa galega. O reflexo da diversidade. Perspectiva teórica e análise socio-estatística, que os medios de comunicación, ao ser “as fiestras dende as que a cidadanía mira, avalía e xulga a realidade”, convértense nunha ferramenta de decisiva influencia na consolidación dos estados de opinión dos cidadáns sobre aquelas cuestións que os rodean e os afectan.

Rodríguez, que estivo acompañado na presentación da obra polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, a presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carme Colmeiro, e os autores da publicación, asegurou que baixo aquel paradigma, no que o xeito de comunicar e o formato elixido para facelo non só serven para describir o que ocorre senón tamén para determinar o enfoque, e polo tanto a interpretación que a sociedade fai das cousas que ocorren, “o tratamento informativo do fenómeno da inmigración está chamado a guiar cada vez máis “a percepción que os consumidores da información teñen sobre os inmigrantes, o papel da inmigración na nosa sociedade, e polo tanto a relación social entre os que acollen e os que emigran”.

A capacidade dos medios de comunicación, subliñou Rodríguez, para contribuír á construción de sociedades máis integradas, máis harmónicas, máis libres “está demostrada, e por esa razón a potenciación de informacións positivas, sempre dende o respecto máximo á realidade, contribuiría a percibir a multiculturalidade como un feito que enriquece á sociedade”.

Promover valores éticos

O secretario xeral de Emigración fixo un chamamento a medios de comunicación e administracións públicas pola alta responsabilidade que adquiren, dada a súa forte penetración e influencia social, para actuar como “promotores da educación nos valores éticos que desmonten tópicos respecto aos grupos étnicos e as minorías, e que eviten a tendencia problematizadora coa que se analiza o movemento migratorios, toda vez que, por outra parte, a preocupación que algúns estudios sociolóxicos constatan non está xustificada nunha conflitividade social significativa”. “Se non somos capaces de transmitir valores que levanten un futuro multicultural, os conflitos lonxe de superarse veranse intensificados, facendo das actitudes racistas e a xenofobia unha linguaxe habitual”, dixo.

O libro presentado, abundou, proxectará luz sobre a tendencia a abordar o tratamento da inmigración non como un fenómeno, un reto ou unha oportunidade, “senón como un conflito para as sociedades de acollida”. Asemade, “permitiranos calibrar ata que punto están asentados os estereotipos, os estigmas e os tópicos na descrición dos movementos migratorios”. A súa utilidade e virtude, pois, “radican na sinalización dos camiños non transitables para acadar unha sociedade aberta, respectuosa e multicultural”.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia