Skip to main content

Clausura do Master da USC sobre Educación, Xénero e Igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, clausurou o máster de “Educación, Xénero e Igualdade” organizado pola Universidade de Santiago de Compostela. Este curso foi posible grazas ao convenio asinado entre a institución universitaria e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

O obxectivo do devandito convenio é o participar en actividades formativas que busquen promover accións destinadas a fomentar os coñecementos en materia de igualdade de oportunidades, coeducación e educación non sexista. A través do máster búscase a formación de expertos cuxa actuación profesional se encamiñe a modificar comportamentos estruturais que van en contra da integración social das mulleres e da consecución da igualdade de oportunidades. Para a realización desta actividade formativa a Vicepresidencia fixo unha achega por valor de 18.000 euros.

Na súa intervención, Carme Adán explicou ademais as condicións dun novo convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago. Neste caso achéganse 10.000 euros para a realización de actividades destinadas a fomentar os coñecementos en materia de igualdade a través do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos do Xénero (CIFEX), do que é coordinadora a profesora Rita Radl Philipp.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia