Skip to main content

Traducir investigación en esforzo útil de innovación, obxectivo de Feuga

As empresas e as universidades galegas teñen un papel fundamental no modelo de crecemento que está a impulsar o Goberno galego e que persegue o impulso dunha economía baseada na sociedade do coñecemento. O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, así o destacou en Santiago onde defendeu a necesidade de apostar por orientar o modelo da ‘tripla hélice’ –a cooperación entre empresas, universidades e Administración– “no impulso da tripla ‘C’ do coñecemento, a competitividade e o crecemento económico”. Esta aposta, segundo explicou, é considerada “estratéxica dentro da política económica do Goberno galego”, por canto permitirá ás empresas galegas e ao conxunto do tecido produtivo “competir con éxito no actual contexto de globalización dos mercados”.

Na súa intervención ante a Asamblea da Rede Española de Fundacións Universidade-Empresa (REDFUE) celebrada na sede de Feuga en Santiago, Fernández Antonio subliñou a importancia da cooperación entre as empresas e o sistema científico no proceso de afrontar procesos de innovación. Sen embargo, segundo advertiu, “é preciso traducir a investigación e o desenvolvemento en innovación produtiva”, de tal xeito, que a economía galega “sexa capaz de dixerir o esforzo investidor en I+D+i, traducindo o desenvolvemento tecnolóxico en produtos e procesos concretos, dotando así de músculo ás empresas galegas”. Neste sentido, o conselleiro animou aos membros da REDFUE a concentrar a súa actividade á consecución de resultados para obxectivos tales como o incremento do número de patentes e o impulso á creación de empresas innovadoras.

Estratexia do Goberno Galego

O conselleiro explicou que nun entorno económico cada vez máis competitivo, “o Goberno galego aposta por competir en actividades de alta cualificación, intensivas en coñecemento e contido tecnolóxico e que xeran un alto valor engadido”. Neste contexto, engadiu, “as tecnoloxías da información e da comunicación convértense en ferramentas indispensables para o desenvolvemento económico; como tamén o é, a selección de nichos concretos de actuación. “Debemos concentrar os esforzos para acercar a Universidade e a Administración á realidade económica e empresarial de Galicia e responder adecuadamente ás principais demandas e necesidades do noso tecido produtivo” concluíu.

O conselleiro destacou que Galicia está a vivir un excelente momento económico no que conflúen o dinamismo empresarial, o clima de confianza e unha política económica orientada a crear un entorno competitivo para impulsar o crecemento. Neste marco económico favorable, a estratexia da Xunta de Galicia supón unha reorientación do modelo de desenvolvemento; “trátase de canalizar os recursos da UE cara o desenvolvemento dunha auténtica Sociedade do Coñecemento, a innovación e a competitividade”, afirmou. Por este motivo, unha das prioridades estratéxicas é a formación de capital humano debido “á súa contribución ao crecemento económico e á mellora da competitividade das nosas empresas”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia