Skip to main content

O Foro Audiovisual de Galicia dinamizará este sector estratéxico

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o Foro Audiovisual de Galicia nace co propósito de converterse en foco dinamizador e factor de consolidación dunha actividade, a audiovisual, “estratéxica” para a comunidade autónoma.

Así o aseverou durante a súa intervención no acto de presentación deste foro, unha iniciativa conxunta da Presidencia do Goberno galego e a Fundación Caixa Galicia, no que estiveron presentes, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, o presidente en funcións da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, ademais dunha nutrida representación do mundo audiovisual e dos medios de comunicación galegos.

Na súa intervención, o xefe do Executivo galego atribuíu o carácter estratéxico do sector audiovisual á súa dobre natueza cultural e industrial, “porque o sector audiovisual é ao mesmo tempo escaparate de identidade social e cadea de valor en termos económicos, expresión da alma colectiva e peza nuclear da sociedade do coñecemento”.

Dereito á propia imaxe

“Defendemos para Galicia un audiovisual potente porque reclamamos o dereito á nosa propia imaxe. Queremos amosar, aproveitando as enormes posibilidades que nos ofrecen as modernas tecnoloxías da comunicación, o verdadeiro rostro de Galicia, a nosa fisionomía auténtica e os nosos específicos trazos culturais conformados ao longo da historia”, exclamou.

Emilio Pérez Touriño incidiu na necesidade dun sector forte para poder facer fronte á “invasión das nosas pantallas por produtos alleos aos nosos hábitos, os nosos costumes, á nosa identidade cultural”.

“Fronte a ese poderoso tsunami, que anega a diversidade, que tende á uniformidade empobrecedora, que homoxeneiza códigos de valores e pautas de comportamento, cómpre levantar o dique dun audiovisual propio que poña en valor o noso. Un dique que supón, en definitiva, opoñer o noso autorretrato á colonización cultural”, manifestou.

Onda as razóns culturais situou o máximo mandatario galego as razóns socioeconómicas pois, como explicou, o sector audiovisual constitúe unha actividade que crea emprego e riqueza, que está integrado por 150 empresas que ocupan a máis de 3.000 persoas e facturan máis de 200 millóns de euros. Datos que, indicou, “certifican a vitalidade dun sector que xa goza de prestixio máis aló das nosas fronteiras”.

Incorporar Galicia á sociedade do coñecemento

Porén, Pérez Touriño sostivo que o “plus de importancia” do sector radica no feito de ser unha “peza fundamental” da sociedade do coñecemento, o que supón unha “garantía de futuro” para incorporar Galicia en plenas facultades competitivas a ese novo mundo “global, aberto e intercomunicado”. “Iso é así porque este sector limítase a transformar, para o seu desenvolvemento, a principal materia prima do século XXI. Unha materia prima que está composta, a partes iguais, pola investigación, o talento, a creatividade e a imaxinación. Que son precisamente as compoñentes que, cada vez máis, delimitarán as fronteiras entre países avanzados e países atrasados”, resaltou.

Finalmente, o xefe do Executivo autonómico reafirmou o “compromiso firme” do Goberno que preside co audiovisual galego. Un compromiso que estendeu non só ao apoio financeiro, senón tamén a unha “activa corresponsabilidade” nos grandes proxectos, unha planificación axeitada e accións ambiciosas en tres vertentes fundamentais: a promoción interna, a formación continua e de calidade, e a proxección exterior, vertentes nas que incide o novo Foro Audiovisual de Galicia.

Consolidación do sector audiovisual galego

Pola súa banda, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, caracterizou o Foro do Audiovisual como “un espazo aberto” que terá por obxectivos a definición de estratexias e a análise das necesidades da industria da imaxe. O secretario xeral salientou a cooperación público-privada que supón esta iniciativa como unha das súas fortalezas, dado que representa unha conxunción de esforzos que debe permitir seguir subindo chanzos na consolidación do sector audiovisual galego.

Fernando Salgado sinalou que o Foro fortalecerá os traballos que xa ven desenvolvendo a Secretaría Xeral de Comunicación nos campos da formación continua e de calidade, a promoción interna e a proxección exterior do audiovisual galego. Salgado indicou que o Foro incide nestes tres campos coa ambición de converterse nun instrumento de debate, nun lugar de encontro e dinamización cultural.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia