Skip to main content

A Xunta colaborará coa Fábrica de Moeda para espallar a sinatura electrónica

A Xunta vén de firmar coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) un convenio que establece que será a propia Xunta a entidade emisora dos certificados dixitais necesarios para a sinatura electrónica en Galicia. Así, a Administración autonómica representará na Comunidade Autónoma á Fábrica Nacional para o espallamento da sinatura electrónica co obxectivo de garantir a extensión rápida deste servizo, que supón un enorme abaratamento de tempo e de procedementos.

Así se desprende dun convenio asinado entre o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, e o director xeral da FNMT-RCM, Sixto Heredia Herrera, para facilitar aos cidadáns as relacións administrativas coa Administración autonómica a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos. A Xunta achegará para o desenvolvemento deste acordo un total de 219.108 euros.

Segundo afirmou o conselleiro, a sinatura electrónica pode substituír completamente á firma orixinal con toda a validez legal porque está protexida por un sistema de autenticación, o que permite, dixo, desde pagar a declaración da Renta ata presentar calquera documento que teña tramitación electrónica nunha oficina da Xunta, do Estado, ou dun concello.

Méndez Romeu explicou que todo o que se presente ante unha administración pública, a firma electrónica o identifica igual que a firma tradicional. Así, unha persoa pode solicitar, reclamar ou atestiguar algo introducindo ese código; e a entidade destinataria recibe dúas cousas: a solicitude e un certificado da FNMT-RCM atestiguando que esa solicitude se corresponde coa persoa que a enviou. Este sistema, de claves criptográficas, é intransferible: só quen teña a clave e o dispositivo físico necesario –un lapis electrónico- pode ter presentado unha determinada solicitude. “En realidade, é o procedemento do futuro”, considerou.

Para obter a sinatura electrónica os cidadáns simplemente terán que presentarse nunha das oficinas que a Xunta habilitará con este fin e pedila. É un trámite moi sinxelo, onde se deixa constancia da solicitude, se introduce a clave que se utilizará para a identificación -de xeito semellante ao utilizado nos caixeiros monetarios-, e xa se pode asinar con ese código de autenticación. O titular de Presidencia calculou que nunha primeira fase a Xunta emitirá arredor duns 80.000 certificados persoais.

Contido do convenio

Segundo se recolle no texto do convenio, o seu obxectivo é a prestación, por parte da FNMT-RCM, dos servizos técnicos, administrativos e de seguridade necesarios para garantir no ámbito da Xunta a seguridade, validez e eficacia da emisión e recepción de comunicacións e documentos a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos (EIT).

A normativa vixente establece que lle corresponde á FNMT-RCM a prestación de servizos EIT aos usuarios nas súas relacións xurídicas coas Administracións públicas e, no seu caso, no ámbito privado. Polo tanto, os certificados que expida a FNMT-RCM no ámbito público de actuación poderán ser utilizados polos cidadáns nas súas relacións coa Administración galega, entre outras.

Neste sentido, segundo o acordo, a FNMT-RCM deberá achegar a infraestrutura técnica e organizativa necesaria, prestar a asistencia técnica para facilitar á Xunta de Galicia o bo funcionamento dos sistemas e actualizalos tecnoloxicamente; achegar os dereitos de propiedade industrial e organizativa; emitir selos de tempo nas comunicacións EIT e achegar a tecnoloxía precisa para que a Xunta poida realizar as súas obrigas, en particular no que se refire á constitución das Oficinas de Acreditación e á tramitación de solicitudes de emisión de certificados electrónicos.

Pola súa banda, a Administración galega deberá dispor da devandita Rede de Oficinas de Acreditación, que se integrarán na Rede de Oficinas de Acreditación da Fábrica ás que os cidadáns poden dirixirse para obter un certificado electrónico e que deberán contar cos medios informáticos precisos para conectarse telematicamente á FNMT-RCM. Nestas oficinas a acreditación e identificación dos solicitantes dos certificados esixirá a comprobación da súa identidade e a súa vontade de que sexa expedido un certificado electrónico.

Outras das obrigas da Xunta de Galicia serán: a emisión -cando proceda- do recibo de presentación onde se faga constancia da data e hora de recepción das comunicacións recibidas; a conservación da notificación, comunicación o documentación emitida e recibida nas transaccións durante o tempo pertinente; cifrar as comunicación emitidas e recibidas; e realizar as actividades de identificación previa á obtención do certificado electrónico e de comprobación da identidade en calidade de Oficina de Acreditación da FNMT-RCM.

Incorporación das Deputacións

Este convenio recolle a posibilidade de que, durante a súa vixencia, poidan incorporarse, xuntas ou por separado, as Deputacións da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra. Deberán facelo xunto cos concellos das súas demarcacións territoriais con menos de 50.000 habitantes, formalizando coa Xunta de Galicia e a RFMT-RCM, unha Addenda que formará parte deste convenio.

A duración do acordo, que entra en vigor hoxe, estenderase durante un ano, e producirase a prórroga automática do mesmo –por anos naturais- se non hai denuncia de ningunha das partes con seis meses de antelación ao seu vencemento.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia