Skip to main content

Potenciarase o sector naval en Galicia con 300.000 euros

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente da Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), Isidro Silveira, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de distintas actuacións dirixidas a potenciar o sector da construción naval. Para levar a cabo as accións contempladas no acordo, o departamento autonómico achegará 300.000 euros.

En virtude do convenio de colaboración asinado desenvolveranse cinco liñas básicas de actuación: a convocatoria de 21 bolsas de formación coa finalidade de formar a persoal técnico e xestores especializados no sector naval (14 con perfil técnico e 7 con perfil de administración de empresas); a elaboración dun plan de formación das empresas da industria auxiliar do sector naval galego cara ao período 2007-2013; a organización de distintas conferencias de carácter técnico sobre asuntos de actualidade referidos á construción naval; a asistencia do sector galego a feiras internacionais do ámbito da construción e a reparación naval, como Sinaval, Londo Shiprepair&Conversion 2007, Norshipping Oslo, Off-Shore Brasil, Europort Rotterdam ou Marintec China; e, por último, o deseño e implantación de modelos de xestión excelente nas empresas da industria auxiliar, un proxecto co que se impulsará o proceso de mellora da competitividade das empresas da industria auxiliar do Clúster mediante o deseño dos modelos de xestión excelente específicos de cada un dos seus principais subsectores e o posterior contraste coa situación real a través dunha diagnose e dun Plan de Excelencia na xestión.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia