Skip to main content

Presentado o blog do simposio internacional Pobre mundo rico

Unha nova ferramenta de participación social dirixida exclusivamente ó Simposio Internacional sobre Pobreza e Desigualdade no Mundo, “POBRE MUNDO RICO”, comeza a súa andaina na rede: www.pobremundorico.org, unha plataforma de expresión máis aberta á comunidade internacional de fala hispana e lusófona. Un blog co que se pretende non só contribuir á difusión deste evento, senón tamén promover a implicación social a través das opinións, propostas e demais achegas que dende calquera país do mundo se queira facer.

O Simposio Internacional “Pobre Mundo Rico” está tendo unha especial acollida e repercusión non só en Galicia e nas distintas Comunidades Autónomas españolas, senón tamén, e fundamentalmente, en América Latina, en países como Brasil, Arxentina, Nicaragua, Bolivia… De aí que o Club Internacional de Prensa –da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia- tomase esta iniciativa de cara a poñer en mans tanto das organizacións, entidades, asociacións…, como das persoas a título individual, este instrumento participativo e útil para a comunidade internacional.

Chamar á participación e á expresión a través deste blog, é para o C.I.P. obxectivo importante e complementario da propia celebración do Simposio, toda vez que se pode enriquecer non só con opinións, senón tamén con suxerencias de toda aquela persoa cuxa sensibilidade social a leve a querer formar parte deste proxecto internacional que pon de manifesto o desequilibrio económico, social e cultural que viven os distintos países e pobos do mundo.

O Simposio está organizado polo Club Internacional de Prensa –da Secretaría Xeral de Comunicación-, e conta coa colaboración de Caixanova a través da súa Obra Social. Colaboran tamén outras entidades, como a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, e as Universidades galegas de Santiago de Compostela e Vigo.







Club Internacional de Prensa (Xunta de Galicia)