Skip to main content

Unhas 2.000 persoas asistiron ao Festival Via Stellae

O público galego e os turistas que visitaron Galicia acolleron con entusiasmo a programación do Festival “Via Stellae”. En torno a 20.000 persoas asistiron aos 82 concertos e outras actividades complementarias levadas a cabo en 32 vilas e cidades galegas enclavadas en todas as rutas xacobeas. Deste xeito, a participación e implicación do público do festival superou as expectativas máis optimistas da organización.

En Santiago de Compostela, sede principal deste festival como meta das rutas xacobeas, o público encheu completamente 12 dos 19 concertos e nos restantes houbo un excelente nivel de asistencia cos que se acadou unha asistencia media superior ao 90%.

Así mesmo, tamén se poden cualificar como exitosas dúas iniciativas innovadoras do festival como foron “Música e Arte” e “Concertos Express”. “Música e Arte” propuxo dúas tardes repletas de música, con varios concertos consecutivos nos mosteiros de Carboeiro en Silleda e de Sobrado dos Monxes. Pola súa banda, os “Concertos Express” foron 19 sesións de breve duración, duns 30 minutos, en seis claustros composteláns.

Concerto de Clausura

A segunda edición do Festival Via Stellae clausúrase cun concerto de Mark Minkowski, que se celebrará esta noite no Auditorio de Galicia. Este concero é o segundo que ofrece o artista en Santiago. A flexibilidade, precisión e forza interpretativa da súa orquestra Les Musiciens du Louvre-Grenoble, con máis de vintecinco anos ás súas costas, é sen dúbida unha das súas mellores armas para conquistar a un público que nunca queda indiferente despois dun dos seus concertos. Minkowski contará coa ilustre colaboración dunha das figuras da lírica dos nosos días, Anne Sofie von Otter.

O director francés e a mezzosoprano sueca amosaron nos últimos anos unha extraordinaria complicidade musical que o público galego poderá comprobar en directo na clausura da segunda edición do Festival Via Stellae. Anne Sofie von Otter cantará un dos ciclos de cancións máis fermosos da historia da música, Les nuit_s d_ètè (As noites de verán) de Hector Berlioz. Unha noite de verán francesa titúlase este concerto no que Minkowski e o coro e a orquestra de Les Musiciens du Louvre interpretarán, ademais, dúas obras incendentais -para representacións teatrais- compostas polos franceses Gabriel Fauré (Shylock) e Georges Bizet, de quen tocarán a versión íntegra de A Arlesiana, composta para a obra de Alphonse Daudet, e que se fixo popular grazas ás súas dúas suites orquestrais e ao seu célebre “Carillón”. O concerto terá lugar no Auditorio de Galicia hoxe ás nove da noite.

Último Concerto Express

Tamén se celebra ás seis da tarde o último concerto do ciclo “Concertos Express”, iniciativa que colleitou unha importante acollida do público, tanto entre os composteláns como entre os turistas. O concerto terá lugar na Igrexa de San Martiño Pinario ás seis da tarde e actuarán o cuarteto de trompas J. Ortega, A. Varela, X. Ramón e M. Naveira. A entrada é libre.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia