Skip to main content

Reunión do secretario xeral de Emigración con familiares de desaparecidos na dictadura arxentina

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, reuniuse cun grupo de familiares de galegos e galegas desaparecidos durante a ditadura militar arxentina, aos que lles transmitiu a firme intención do Goberno galego para colaborar con eles e contribuír á investigación, esclarecemento e reparación da memoria e a dignidade das vítimas. Nese senso, Rodríguez lembrou que a Xunta atende xa nos programas sociais e asistenciais vixentes e no ámbito das súas competencias, a familias dos cidadáns galegos desaparecidos entre 1976 e 1983 segundo o censo establecido polo Ministerio de Asuntos Exteriores.

O executivo autonómico cooperará, asemade, coas familias afectadas e co Ministerio de Asuntos Exteriores na investigación de datos familiares nos Rexistros Civís de Galicia, así como na localización doutros familiares.

O responsable da Secretaría de Emigración sinalou que actualmente o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, xa está a estudar o xeito de establecer unha colaboración co Goberno arxentino, a través do Ministerio de Xustiza e Dereitos Humanos, no marco da recentemente creada Unidade de Investigación sobre cidadáns españois, que xa localizou a trinta cidadáns de orixe galega dentro dos setecentos identificados.

A estancia de Manuel Luís Rodríguez en Arxentina permitiu manter unha reunión cos responsables da Fundación Galicia Saúde, coa fin de planificar os recursos e os programas cos que en 2008 o Goberno galego optimizará a atención sociosanitaria dos cidadáns de orixe galega asentados en Arxentina. O responsable de Emigración tivo ocasión, por outra parte, de coñecer de preto a nova Unidade de Densidometría Ósea coa que conta o Hospital Galego, financiada con orzamentos da Xunta de Galicia.

A viaxe de Manuel Luís Rodríguez a Arxentina, onde estivo presente nos actos do Día de Galicia e na celebración do XXVIII Centro Galicia de Bos Aires, completarase coa súa participación o sábado, día 28, nos actos de conmemoración do “Camiño de Santiago en Bos Aires”, un evento que trata de demostrar o forte lazo de unidade que vincula a Galicia con Arxentina, o co que a cidade de Bos Aires agradece aos inmigrantes galegos e aos seus descendentes o traballo e a honestidade coa que contribuíron a fortalecer a identidade porteña.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia