Skip to main content

O presidente da Xunta e o Valedor do Pobo analizan as prioridades para o novo mandato

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, recibiu en audiencia o novo valedor do Pobo, Benigno López González, con quen tivo ocasión de analizar a situación na que se atopa a institución e as prioridades de acción de cara ao novo mandato.

No decurso dunha reunión na residencia oficial de Monte Pío, o xefe do Executivo galego e o valedor do Pobo tiveron ocasión de departir sobre os retos da institución de cara ao novo mandato e de analizar as prioridades de actuación apuntadas por Benigno López durante o súa toma de posesión do cargo, o pasado 27 de xullo.

O máximo mandatario autonómico ofreceulle ao novo valedor do Pobo todo o apoio e a máxima colaboración do Goberno galego para o mandato que comeza. Emilio Pérez Touriño transmitiu o seu desexo de que a institución consiga niveis de proximidade e eficiencia suficientes para lograr realizar un labor que redunde nun mellor funcionamento das administracións públicas de Galicia, un mellor coñecemento das reivindicacións cidadás e as mellores canles de diálogo entre as administracións e o Valedor.

Emilio Pérez Touriño transmitiulle ao novo valedor a importancia de que esta institución dea un paso adiante no ámbito da difusión dos dereitos cidadás. A este respecto, o presidente manifestoulle o seu agradecemento á institución do Valedor pola súa estreita colaboración nestes últimos meses na elaboración da Carta de Dereitos Cidadáns de Galicia, que verá a luz ao comezo do curso parlamentario, e solicitoulle a súa participación na elaboración dun Manual de Dereitos Cidadáns que sirva para achegar os contidos da Carta de Dereitos á cidadanía e establecer vías para que estes poidan reivindicar os seus dereitos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia