Skip to main content

O Igape subvenciona con 5'3 millóns de euros os investimentos tecnolóxicos das pemes

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) impulsa a mellora da produtividade das pemes galegas mediante o apoio á realización de investimentos de carácter tecnolóxico comprendidos entre 100.000 e 600.000 euros e destinados á incorporación de bens de equipo, tamén de carácter tecnolóxico, que se integrarán na cadea de valor ou en departamentos de I+D, deseño ou ensaio das sociedades.

As pemes interesadas nestas subvencións, que poderán cubrir ata o 40% dos investimentos apoiables, poderán presentar as súas solicitudes (http://www.tramita.igape.es) ata o próximo 31 de agosto. A convocatoria resolverase polo sistema de concorrencia competitiva.

Por outra banda, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda apoiará proxectos dirixidos a mellorar a organización das pemes mediante subvencións á consultoría de procesos e implantación de ferramentas de xestión e cadros de mando.

Mediante esta liña á que destina 2,5 millóns de euros, o Igape subvencionará por unha parte os traballos de consultoría de proceso e asistencia técnica específica para a implantación dos proxectos; e, por outro lado, os investimentos en activos como poden ser as ferramentas de software ou hardware necesarias para as mellora da xestión a implantar nas pemes, e as instalacións de redes informáticas internas ou, se é o caso, custos de aloxamento en remoto.

Coma no caso dos proxectos de investimento tecnolóxico, as subvencións poden cubrir ata o 40% dos investimentos ou gastos subvencionables, e as solicitudes poden ser presentadas ata o 31 de agosto.
Gabinete de Comunicación do Igape - Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia