Skip to main content

Quintana analiza os proxectos de dinamización con empresarios de Ourense

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, analizou con representantes da Confederación Empresarial de Ourense os proxectos de dinamización económica e empresarial que a Xunta de Galicia ten para a provincia.

Durante a visita institucional que esta mañá realizou á sede da CEO, acompañado polo presidente da entidade, Francisco Rodríguez, e polo seu vicepresidente, Juan José Molinos, Quintana referiuse expresamente ao proxecto do Val da Rabeda que a Xunta desenvolve ao abeiro do programa Galiza Suma impulsado polas consellerías de Innovación e Industria e de Vivenda e Solo. O proxecto do Val da Rabeda, que prevé actuacións nos concellos de Allariz, Paderne, Taboadela e San Cibrao das Viñas, supón a creación de 4 millóns de metros cadrados de solo industrial cun investimento de 400 millóns de euros. Esta importante iniciativa, contempla ademais a rehabilitación de patrimonio e a construción de 2.000 vivendas protexidas.

Parque Tecnolóxico

Así mesmo, neste encontro Quintana trasladoulles aos empresarios ourensáns que a Xunta de Galicia está a mobilizar entre 2007 e 2008 máis de 8 millóns de euros de investimento en proxectos tecnolóxicos ligados ao Parque Tecnolóxico de Ourense, uns investimentos que, segundo anunciou, suporán a creación de 300 novos postos de traballo.

Entre estes proxectos, os máis avanzados, que estarán operativos no primeiro trimestre de 2008, figuran a creación dunha planta de demostración de enerxías alternativas, a posta en marcha dunha plataforma de empresas de base tecnolóxica, proxectos ligados á innovación para construír aeroxeneradores máis eficientes e o da firma TSolar relativo á aplicación da I+D+i no ámbito da enerxía solar.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia