Skip to main content

A Unesco aprobou a declaración de Reserva da Biosfera do río Eo, Os Oscos e Terras de Burón

O Río Eo, os Oscos e as Terras de Burón, nos límites entre as comunidades de Galicia e Asturias, ven de ser declarada Reserva da Biosfera pola Unesco. A decisión adoptouse no día de hoxe no transcurso da xuntanza da Mesa do Consello Internacional de Coordinación do Programa o Home e a Biosfera na sede da Unesco, en París. Na reunión participou o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, xunto ao seu homólogo asturiano, en representación dos gobernos galego e asturiano, que foron os que realizaron a proposta de incluír este espazo dentro da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

A do Río Eo, Os Oscos e as Terras de Burón é a primeira reserva da biosfera impulsada de xeito conxunto por dúas comunidades españolas, Galicia e Asturias, que realizaron un gran traballo de coordinación para lograr que o espazo natural limítrofe entre ambos territorios fose declarado Reserva da Biosfera. Así o acordaron no cumio entre Galicia e Asturias que tivo lugar a principios deste ano en Oviedo, os presidentes de Asturias, Vicente Álvarez Areces; e de Galicia, Emilio Pérez Touriño, quen foi o principal valedor do proceso que concluíu hoxe co recoñecemento da Unesco.

A nova reserva da biosfera ocupará unha extensión de 158.883 hectáreas, das que 108.007 se ubican en territorio galego e o resto en terras asturianas. Nela, participan 14 concellos, sete de cada comunidade, que suman unha poboación de 32.974 habitantes, 21.667 dos cales pertencen a concellos galegos. Trátase das localidades galegas de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Pola parte de Asturias integran esta reserva os concellos asturianos de Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos.

A reserva do río Eo, Os Oscos e as Terras de Burón ten un gran valor paisaxístico e medioambiental, xa que contén paisaxes de media montaña (chega ata os Ancares), fluviais (co río Eo como valor representativo) e marítimos (o mar Cantábrico).

A partir da súa inclusión na Rede Mundial de Reservas da Biosfera, os pasos que se darán son os que seguen:
ß Creación dun consorcio, con representantes dos gobernos de Galicia e Asturias.
ß Constitución dun comité técnico de seguimento.
ß Creación dun Consello Reitor, no que estarán representados os concellos implicados, entidades conservacionistas , etc.
ß Desenvolvemento dun Plan de Acción de Desenvolvemento Sostible.

Primeira intercomunitaria

A reserva do Eo, Os Oscos e Terras de Burón é a única que España presentou este ano e foi aprobada xunto a outras 24 candidaturas doutros países. En total, son 118 os países de todo o mundo que contan con espazos incluídos na Rede Mundial da Reserva da Biosfera. No caso concreto de España existen 38 lugares que recibiron este distintivo, catro deles ubicados en Galicia: Río Eo-Oscos-Terras de Burón, Terras do Miño, Os Ancares e Área de Allariz.

A Reserva da Biosfera son ecosistemas terrestres ou mariños (ou a combinación de ambos), recoñecidos no plano internacional como tales, no marco do Programa sobre o Home e a Biosfera (Man and Biosphere Programme) da Unesco, que conta para elo coa Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

Por outra banda, España terá un protagonismo especial sobre os plans de desenvolvemento sostible destes espazos, xa que o vindeiro ano, Madrid acollerá a reunión da Unesco na que se abordará este asunto.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia