Skip to main content

CC.OO. apoia a derogación do sobresoldo para os funcionarios que ocupen cargos políticos

A Federación de Servizos e Administración Pública do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (FSAP-CCOO) valora positivamente que no propio bipartito se comece a falar abertamente da posibilidade de derrogar o complemento de destino de 15 mil euros para os funcionarios que ocupen altos cargos na Administración galega. A reacción desta organización prodúcese logo de que destacados membros dun dos dous partidos do Goberno recoñecesen que a disposición adicional 17ª da Lei da Función Pública é «un erro» e que compría estudar fórmulas para derrogala.

No entanto, mentres que estas intencións non se traduzan en accións concretas, desde FSAP-CCOO rexitan «rotundamente» a vixencia dunha medida que, no seu entender, pretende «garantir unha 'canteira' de posibles cargos públicos ou candidatos para engordar as súas listas electorais». Para a organización sindical,o exercicio de cargos de carácter político non debe menoscabar a carreira profesional do persoal funcionario, pero «en caso ningún debe significar privilexios desproporcionados e abusivos, de imposible alcance na carreira administrativa», apuntan.

Xa existe o 'grao'

FSAP-CCOO lembra que na carreira do persoal funcionario xa existe o que se chama 'grao', que consiste en consolidar o CD do posto de traballo desenvolvido dous anos continuados ou tres con interrupción. Pero esa consolidación económica será efectiva de dous en dous niveis, e farase cada dous anos. Isto implica que unha persoa con grao 18 e nomeada para un posto nivel 26, aos dous anos no posto consolida o 20; aos catro, o 22, e tería que estar oito anos no posto 26 para consolidar ese grao.

En opinión dos responsables da FSAP-COOO, «abondaría con garantir a consolidación do grao en dous niveis superior ao de partida, cada dous anos, en sintonía co recollido na carreira profesional do persoal funcionario».

«Escondidos» tras unha norma estatal

CCOO acusa a Xunta de se «esconder» tras unha norma básica estatal. Recoñecen que este «abuso» parte dunha emenda presentada polo PP no Parlamento español no trámite doEstatuto Básico do Empregado Público —aprobada co apoio do PSOE—, pero advirten de que o Goberno galego «tiña unha certa marxe para optar por establecer uns dereitos de consolidación máis proporcionais e eticamente asumibles e, porén, optou polo máximo: consolidar de forma vitalicia o CD dos drectores xerais».

CC.OO.