Skip to main content

Galicia, pioneira en Europa ao implantar oficinas electrónicas en 32 concellos

Galicia será a primeira Comunidade de toda Europa que implantará oficinas electrónicas en 32 concellos. Así se desprende do convenio asinado no Parlamento Europeo entre o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, e o presidente da Fundación Europea para a Sociedade da Información e a Administración Electrónica, Philippe Busquin. Para a posta en marcha destas 32 oficinas electrónicas en Galicia, o Goberno galego destinará 385.920 euros.

Méndez Romeu explicou que este convenio “é un primeiro acordo de colaboración con esta Fundación vencellada á Unión Europea” e agarda que poida ser “completada no futuro con novas aplicacións”. Destacou tamén que o acordo prevé o desenvolvemento do software específico para facilitar que todos os cidadáns teñan acceso a trámites e os poidan realizar telemáticamente ao mesmo tempo que contribúa ao espallamento de Internet e dos demais servizos asociados á Administración electrónica.

Este servizo permitirá á Xunta universalizar e poñer á disposición de todos os galegos o conxunto dos servizos electrónicos de acceso á sociedade de información; así, por exemplo, poderá ofrecer a todos os cidadáns adultos unha dirección persoal de correo electrónico, ademais de acceso aos servizos en liña da Administración europea, central, autonómica e local, incluíndo a utilización do novo DNI electrónico.

Este servizo será de carácter público e de uso gratuíto; e as aplicacións informáticas serán bilingües galego-castelán e, en ubicacións de carácter turístico, tamén estarán en inglés e francés.

“O obxectivo final é -segundo o conselleiro- que o cidadán non teña que acudir a unha xanela presencial, que non teña que perder o seu tempo de traballo ou de lecer para presentar un documento, recibir unha información ou coñecer o estado de tramitación das súas necesidades”. Méndez Romeu lembrou que, hoxe, os cidadáns reciben información electrónica directamente a través dun número de identificación e que poden consultar asuntos tan diversos coma os resultados dunha proba de oposicións para acceder á administración, o estado de tramitación dunha subvención. Neste sentido, o conselleiro subliñou que “a tecnoloxía telemática permite garantir a confidencialidade, aforrar tempo e contribuír a que o cidadán sexa consciente da sinxeleza das aplicacións informáticas e, polo tanto, axudar ao espallamento das ferramentas tecnolóxicas no propio fogar, nomeadamente Internet que, sen dúbida, é a máis potente”.

Así, a finalidade deste acordo é fomentar o coñecemento das novas vías de acceso á Administración e a extensión do uso da administración electrónica para os cidadáns de Galicia coa posta en marcha dun sistema de xestións administrativas en liña conectado á plataforma tecnolóxica do servizo Administratel e-Government, así como coa realización de campañas para o coñecemento e a difusión destes novos accesos á Administración.

Neste sentido, por medio do convenio, a Fundación e a Xunta colaborarán no desenvolvemento das ferramentas tecnolóxicas que permitan estender o acceso á Sociedade de Información e poñerán a disposición dos cidadáns –nas dependencias asignadas para elo pola Xunta- o equipamento de oficinas electrónicas dotado dos programas informáticos e servizos Administratel de acceso á plataforma tecnolóxica de xestións administrativas en liña.

Posta en marcha das oficinas

Méndez Romeu recordou que o convenio entra en vigor hoxe mesmo, polo que agarda que a final de ano se instalen estes puntos de información. O conselleiro dixo que convenio ten unha duración de tres anos e logo farase unha avaliación para determinar as futuras liñas de colaboración. Neste sentido, Méndez Romeu dixo que “estamos nun ámbito onde a tecnoloxía evoluciona cunha gran velocidade e onde as administracións tamén están trasladando a solucións telemáticas as diferentes xestións que fan os cidadáns e en tres anos probablemente que o escenario sexa distinto do de hoxe”.

As oficinas electrónicas situaranse en recintos pechados, como sedes das consellerías, lugares públicos, centros culturais ou de ocio, etc. Tanto a súa ubicación como o seu horario de funcionamento serán fixados pola Xunta, que poderá utilizalas como medio de comunicación sobre as súas actividades ou servizos e poderá incorporar ás mesmas información, campañas institucionais ou outros eventos organizados polo Goberno.

O texto do acordo establece que a Fundación achegará 32 oficinas electrónicas completas, incluíndo o desenvolvemento do hardware e o software e a súa colocación, instalación, mantemento e explotación tanto no que se refire ao equipamento como ao conxunto de programas informáticos actuais do servizo Administratel.

Segundo se establece no acordo, o servizo Administratel e o número de oficinas poderanse ampliar, en función das necesidades, previa solicitude e común acordo das partes. Así mesmo, ao longo do período de vixencia do convenio –que será de catro anos, prorrogables, dende a súa sinatura- a Xunta poderá solicitar a implantación de novos programas ou das innovacións tecnolóxicas en materia da sociedade da información que decida ofrecer aos cidadáns.

Philippe Busquin

Philippe Busquin (nado en 1941) é un político belga membro da Comisión Europea e do Parlamento Europeo. Ocupou tamén varios Ministerios do seu país coma os de Interior, o de Educación ou o de Asuntos Sociais. Tamén foi alcalde Seneffe dende 1995 ata 1999. É Licenciado en Físicas, Diplomado en Filosofía e ten estudos de terceiro ciclo en Medio Ambiente.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia