Skip to main content

Guillermo Escrigas, novo director do CGAI

A Secretaría Xeral de Comunicación vén de nomear a Guillermo Escribas Rodríguez novo director do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI). Guillermo Escrigas (Ferrol, 1953) traballaba como xerente do Centro Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside e como documentalista do Grupo Sargadelos.

No eido audiovisual descubriu e recuperou a película Botadura do Acorazado Alfonso XIII, as primeiras imaxes en movemento que se conservan sobre Galicia. Entre as súas publicacións cómpre destacar Rande. Mito e realidade, Bibliografía da Gastronomía de Galicia, Gravados e litografías de Maruja Mallo, O libro escolar en Galicia. Bibliografía, ou Isaac Díaz Pardo. Creación e compromiso na Galicia do século XX, entre outros moitos.

Ademais, foi o responsable da documentación gráfica en tres publicacións dirixidas por Ramón Villares: Galicia século XX, Estrella Galicia, unha empresa, un século e O mundo do traballo en Galicia.

Regularización da entidade

Jaime Pena, que ata o de agora viña realizando as funcións de director ata que se regularizara a situación da entidade, continuará coas súas tarefas como responsable da programación do CGAI nesta nova etapa. A Secretaría Xeral de Comunicación valora o seu labor durante estes meses de interinidade ao fronte da institución, recoñecemento que fai extensible a todo o equipo do CGAI.

A Secretaría Xeral de Comunicación explicara no seu día que o nomeamento efectivo do novo director se levaría a cabo unha vez solucionadas as xestións administrativas oportunas. Esta situación organizativa do CGAI viuse regularizada o 10 de xullo coa publicación no DOG do novo decreto de estrutura do Centro. Así dende a Xunta de Galicia considerouse que se daban as condicións necesarias para proceder ao nomeamento de Guillermo Escrigas ao fonte da dirección do CGAI.

Proxectos en marcha

A programación do outono do CGAI iniciouse o día 14 de setembro cun ciclo sobre o documentalista francés Raymond Depardon, organizado en colaboración coa Alianza Francesa. Coa mesma institución organizarase ademais un ciclo sobre Jacques Demy no mes de novembro.

No mes de outubro programarase o ciclo de Philippe Garrel, en colaboración co Festival de Cine de San Sebastián. Esta colaboración inclúe ademais a coedición dun libro sobre o autor coordinado por Quim Casas. Aínda no mes de outubro iniciarase un ciclo sobre o director americano Raoul Walsh que se prolongará ata marzo de 2008.

Con motivo do Festival de Cine de Xixón, o CGAI organizará un par de ciclos entre os meses de decembro e xaneiro. Un deles centrarase no novo cine alemán dos anos 60 e 70. Durante os meses de outubro, novembro e decembro programarase tamén o ciclo D-Generación, un proxecto do Festival das Palmas centrado nos novos documentalistas españois que traballan fóra da industria e en soporte dixital.

A programación do centro completarase cun curso de Carlos Losilla en outubro, así como con outras actividades nas que traballa o CGAI. O novo director será o encargado de dar a coñecer estas iniciativas unha vez estea pechada a programación.

Historia do Centro

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Comunicación. Foi creado polo Decreto 210/1989, de 5 de outubro, da Xunta de Galicia e inaugurado oficialmente o 15 de marzo de 1991.

O centro dedícase á difusión e documentación da imaxe en todos os sentidos e é, polo tanto, a institución responsable no ámbito do audiovisual, dende a administración autonómica, de recuperar, catalogar, custodiar e difundir as producións e as obras conformadoras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.

Dentro das múltiples actividades que vén realizando de arquivo, restauración e fomento da promoción e difusión do audiovisual galego, quérese darlle un pulo máis utilizando para isto as novas ferramentas que proporcionan as tecnoloxías da información e as comunicacións, levando todas as súas actividades pola xeografía galega co obxectivo dun mellor coñecemento das artes da imaxe.

Fotografía de Xoán Piñón remitida polo Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia