Skip to main content

O presidente da Fegamp reuniuse co Consello Galego de Colexios Veterinarios e da Asociación Galega de Excavadores

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Xosé Crespo Iglesias, recibiu ao presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Xosé Euxenio Rey Fernández, e á xunta directiva da Asociación Galega de Excavadores (AEXGA), encabezada polo seu presidente, Manuel Espiño Mejuto.

Temática dos encontros

Os responsables das devanditas entidades trasladaron ao presidente da Fegamp, Xosé Crespo, ás problemáticas respecto ás dificultades que algúns concellos teñen para resolver a entrega de licenzas municipais de cans perigosos, no primeiro dos casos, e acerca da idoneidade de onde depositar as terras sobrantes das excavacións, derivadas da execución de infraestruturas ou obras civís, no segundo dos casos.

Proceso de renovación

Xosé Crespo explicoulles tanto ao presidente do Colexio de Veterinarios como aos representantes de AEXGA que a Fegamp ten aberto un proceso de renovación, que culminará coa elección dos novos órganos directivos na VII Asemblea Xeral, que se celebrará o 22 de novembro. Non obstante, Crespo comprometeuse a trasladar estas peticións á renovada Comisión Executiva que saia da VII Asemblea, co obxecto de someter a estudo as devanditas problemáticas para que a Federación adopte unha decisión ao respecto.

En todo caso o presidente da Fegamp mostrouse receptivo ás súas demandas e indicoulles que podían enviar todo tipo de documentación ao respecto destas problemáticas á Federación para ser estudada, no seu momento, por parte dos órganos executivos, unha vez se constitúa a nova dirección.

Terras sobrantes das excavacións

Respecto á problemática da escaseza de vertedoiros aptos para almacenar as terras e pedras sobrantes procedentes das excavacións, Crespo indicoulles aos membros de AEXGA que “o tratamento das terras inertes, entre elas as do AVE, requiren un tratamento distinto” e defendeu “unha xestión máis racional deste tipo de residuos”. Non obstante aclaroulles que “a capacidade normativa neste campo a ten a Xunta de Galicia”. Por esta razón convidou á directiva de AEXGA a dirixirse á Consellería de Medio Ambiente “posto que é este departamento autonómico o que a través dun Decreto específico, ten que regular esta problemática, xa que coa actual normativa os concellos atópanse coa imposibilidade de poder facelo”.

A este encontro co presidente da Fegamp asistiu, en representación de AEXGA, ademais do seu presidente, Manuel Espiño Mejuto (Excavaciones M. E. Mejuto. S. L. Silleda); o vicepresidente, Antonio García (Excavacións Migasa S. L. Santiago), e dous dos seus vogais, José Antonio Diz (Excavacións Faro-Pontevedra) e Luis Pereira (Indipesa-Ferrol).
Gabinete de Comunicación da Fegamp