Skip to main content

Pesca e USC estudan os factores ambientais e patóxenos que afectan ao cultivo de ameixa fina na ría de Pontevedra

O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a realización dun proxecto de investigación sobre o “Estudo dos factores ambientais e posibles patóxenos que afectan ao cultivo de ameixa fina (Ruditappes decussatus) na Ría de Pontevedra”. O obxecto deste protocolo, que terá unha duración de tres anos, é regular a colaboración entre ambos os dous organismos para o desenvolvemento do estudo. Para este fin, o departamento de Pesca destinará un total de 147.017 euros.

As ameixas posúen unha carga importante de bacterias, algunhas delas potencialmente patóxenas, que poden podrecer en condicións adversas e afectar á supervivencia da súa poboación pouco antes de chegar á talla mínima de captura establecida por lei. É por isto que o principal obxectivo deste estudo é o de detectar os patóxenos potenciais que afectan ao devandito molusco, así como os parámetros medioambientais que poidan influír no seu crecemento e supervivencia.

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), responsable desta acción de investigación, é un dos organismos dependentes da Consellería de Pesca encargado das funcións relativas á actividade investigadora, concretamente as referidas ás áreas de Procesos Oceanográficos Costeiros, Recursos Mariños, Acuicultura e Patoloxía. Para levar a cabo este proxecto, o CIMA contará coa colaboración do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Facultade de Farmacia da USC, que dispón de investigadores e medios técnicos axeitados que, sumados aos que xa dispón a Consellería, permitirán a correcta consecución dos obxectivos marcados.

A través deste estudo procurarase mellorar o coñecemento do estado sanitario actual dos cultivos e das bacterias presentes nos mesmos, deseñaranse métodos de diagnóstico máis rápidos e específicos e estudaranse outros patóxenos parásitos como o Perkinsus e o Haplosporidium. Tamén se incidirá no coñecemento dos factores ambientais das zonas de cultivo, relacionándoos cos límites de tolerancia das ameixas e dos posibles patóxenos atopados.

Deste xeito, Pesca e a USC centrarán os seus esforzos no coñecemento da situación sanitaria do cultivo de ameixa na ría de Pontevedra e no desenvolvemento de métodos de diagnóstico e detección máis áxiles. Estes aspectos serán de grande utilidade permitindo, ademais de coñecer as causas da mortandade, adoptar medidas preventivas que impidan a propagación bacteriana entre as diferentes zonas.

Dentro deste proxecto de investigación, a Universidade compostelá encargarase da realización de mostraxes mensuais de ameixa fina, do procesado de mostras para análises microbiolóxicas, levará a cabo ensaios de patoxenicidade dos principais grupos de microorganismos detectados nas mostraxes, analizará os resultados obtidos e participará na preparación de artigos e comunicacións a congresos.

Nacemento do proxecto

A acción de investigación que levará a cabo o CIMA, coa colaboración da USC, xorde a raíz dos contactos previos que a Consellería de Pesca mantivo coas confrarías de pescadores da Ría de Pontevedra, que manifestaron a súa preocupación polos importantes episodios de mortandade que ultimamente está a sufrir este molusco pouco antes de chegar ao tamaño mínimo establecido por lei.

En Galicia o cultivo de moluscos bivalvos é de grande importancia económica xa que está solidamente establecido e presenta un mercado consolidado. Así mesmo, é de destacar a importancia que a ameixa fina supón para a economía dos mariscadores, dado o alto valor económico que alcanza nas vendas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia