Skip to main content

Pesca prorroga o convenio co CETPEC para o proxecto sobre redución do consumo enerxético nos buques pesqueiros

O Consello da Xunta deu o seu visto bó á prórroga do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Fundación para a Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación no Sector Pesqueiro de Celeiro (Cetpec) o pasado 6 de setembro de 2006. Naquel entonces, as dúas partes subscribiron o acordo para a realización do Proxecto Piloto para a Redución do Consumo Enerxético nos Buques Pesqueiros mediante a Implantación de Novas Tecnoloxías e de Enerxías Alternativas no Buque Santiago Apóstolo, para o que a Consellería destina un total de 1.158.000 euros.

Con esta prórroga tanto Pesca como Cetpec manterán o convenio de colaboración ata o vindeiro día 10 de decembro de 2007. A petición de continuación do proxecto vén dada pola importancia de solventar certas necesidades e axustes propios dun traballo de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I) e, en concreto, para poder contar con máis tempo para construir equipos novos, non existentes no mercado, que se ubicarán no barco Santiago Apóstolo.

Proxecto

Esta liña de investigación, dirixida nun principio á frota artesanal, ten como obxectivo a diminución do custo do carburante que empregan este tipo de embarcacións, a gasolina. Esta experimentou un incremento de prezo importante nos últimos anos o que supón que, a día de hoxe, un dos custos de produción máis importantes deste tipo de empresas pesqueiras sexa precisamente o do combustible.

O proxecto conta con varias liñas de actuación entre as que destacan, en primeiro lugar, a posta en marcha dun sistema de captura de datos que ofreza un exemplo práctico do que é unha marea nun determinado tipo de barco para establecer a correspondencia entre o consumo de combustible, tanto en navegación como en pesca, e o estado operativo do barco. Por outra banda, perséguense medidas de aforro e eficiencia enerxética en temas de iluminación ou climatización e procúrase demostrar a viabilidade técnica e económica de empregar gas natural e gas licuado do petróleo como combustible nos barcos, o almacenamento do devandito combustible, o cambio de motores e a operatividade dos barcos coas enerxías alternativas.

O barco Santiago Apóstolo, cedido para o seu uso neste proxecto pola Confraría de Pescadores de Celeiro, é un buque do pincho, de 33 metros de eslora e cunha antigüidade de 35 anos. Actualmente, este pesqueiro está dotado dun motor diésel de 600 CV que, a través dunha redutora, move a hélice de propulsión. Ademais, ten dous grupos xeneradores de 90 KVA para suministro eléctrico.

Con esta actuación por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e coa súa aportación económica iniciouse o camiño para a busca de solucións ao aumento do prezo do combustible que, dende o Goberno galego, se entende que supón un grave risco para a viabilidade do sector pesqueiro da nosa comunidade. Nesta iniciativa colaboran, ademais de Pesca, Repsol YPF, Gas Natural, o Inega e o Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía.

Primeiros resultados

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Camen Gallego Calvar, presentaba ao sector o pasado mes de abril o informe preliminar deste proxecto. A iniciativa, que comezou aplicándose no buque Santiago Apóstolo e en tres embarcacións de baixura dos portos de Celeiro, Cangas e O Grove, deu os seus primeiros resultados, considerados moi positivos. Deles despréndese que co emprego de gas licuado de petróleo (GLP) como substituto da gasolina se pode chegar a aforrar un mínimo dun 30% e ata un máximo do 49% de combustible.

En canto aos datos técnicos aportados pola Conselleira naquela ocasión, as embarcacións non tiveron ningún problema vencellado ao uso do GLP e, de feito, nos meses que traballaron con este combustible non perderon ningún día de faena por avarías. Por outra banda, o GLP é unha alternativa máis ecolóxica que a gasolina xa que diminúe as emisións á atmosfera e elimina toda posibilidade de verquido por hidrocarburos. Outra das vantaxes do uso deste combustible é a redución do ruído do motor. Esta actuación continuou coas probas en vinte barcos máis, de distintos portos de Galicia, como mostra representativa do total da frota artesanal galega.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia