Skip to main content

A Xunta implantará sistemas automatizados de control horario para funcionarios de Xustiza

A Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia e as organizacións sindicais máis representativas dos funcionarios da Administración de Xustiza –CSI-CSIF, CCOO, UGT, CIG e USO- chegaron a un acordo para a implantación dos sistemas automatizados de control horario para funcionarios dos órganos xudiciais a través de tarxetas magnéticas e lectores de proximidade.

Ata o de agora, o cumprimento da xornada e dos horarios establecidos nas sedes xudiciais estábase levando a cabo a través da cumplimentación de partes de firmas. A partir do día un de novembro procederase á implantación deste sistema en partidos xudiciais de tres ou máis órganos xudiciais, iniciando así un período de proba que se considera necesario para a súa implantación.

Con esta iniciativa, a Consellería de Presidencia pretende acadar unha mellora na xestión en materia de recursos humanos e isto mediante o uso das novas tecnoloxías na Administración de Xustiza, culminando así un proceso de modernización que, ao mesmo tempo, permita a conciliación da vida familiar e laboral. No ano 2006, a Xunta e os sindicatos xa acadaran un acordo para a modernización e a mellora da Administración de Xustiza, o cal se fixo realidade hoxe con estas medidas de control horario.

No ano 2003, a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial xa estableceu un novo marco competencial para a regulación do horario de traballo do persoal dos corpos de médicos forenses, xestores, tramitadores e auxilio xudicial. Ademais, tamén se ditaron as normas de regulamentación do control do seu cumprimento, correspondendo á Xunta a distribución da xornada e a fixación de horarios do calendario laboral anual.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia