Skip to main content

Colaboración no cultivo intensivo de paralarvas de polbo

O Goberno galego aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e o Instituto Español de Oceanografía (IEO). O obxectivo desta iniciativa é a posta a punto dunha técnica de cultivo intensivo de paralarvas de polbo que ofreza bos resultados de crecemento e supervivencia, determinando a importancia dos lípidos e as proteínas como requirimentos nutricionais desta especie.

A actividade “Posta a punto dun sistema de cultivo de paralarvas de polbo Octopus Vulgaris e importancia da composición bioquímica na dieta larvaria” contará cun presuposto de 146.630 euros, que serán achegados pola Consellería de Pesca con cargo aos orzamentos xerais de Galicia, e serán executados en catro anualidades. Así, durante este ano destinaranse 18.095 euros a esta actividade, mentres que o ano que vén adicaranse 48.895 euros. Pola súa banda, os exercicios de 2009 e 2010 contarán con 46.640 e 33.000 euros, respectivamente.

O IEO porá a disposición da Consellería os equipos de investigación en acuicultura do Centro Oceanográfico de Vigo xa que dispón dos recursos técnicos e humanos necesarios para a realización dos traballos proxectados.

Os obxectivos concretos destas actuacións serán confirmar a utilidade do cultivo de paralarvas de polbo alimentadas con Artemia sp. enriquecida con Nannochloropsis sp. (microalgas), e avaliar a influencia de dietas inertes, teoricamente superiores a nivel nutritivo, compostas por zoeas de Maja sp. e/ou por zooplancto do medio natural. Ademais, realizarase un seguimento da composición bioquímica en lípidos e proteínas de paralarvas e presas para determinar a relevancia nutricional dos diferentes compoñentes analizados.

Actividades que se desenvolverán

As actividades que se desenvolverán por parte do Instituto Español de Oceanografía son a captura e estabulación de stock de reprodutores de polbo e a obtención de “zoeas” (o seu primeiro alimento) a partir de reprodutores de centola procedentes do medio natural ou de cetáreas.

Así mesmo, deberán obter zooplancto en diferentes estacións e épocas do ano, para o que contarán co buque oceanográfico do IEO “José María Navaz”. O zooplancto será peneirado e conxelado a bordo, de xeito que estas mostras serán empregadas para determinar a súa composición bioquímica e para elaborar distintas dietas mediante varios procesados.

Outra das actuacións a realizar polo persoal do IEO será a avaliación da influencia e efectividade de novas dietas baseadas no procesado a base de zooplancto natural e/ou zoeas de Maja. Pola súa banda, o Centro de Investigacións Mariñas da Consellería de Pesca levará a cabo a análise química de proteínas totais e lípidos das paralarvas de polbo e das dietas empregadas.

Vixencia e realización dos traballos

O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2010 ou ata o remate das actuacións nel recollidas, logo de prórroga acordada entre as dúas partes. Os traballos serán realizados por un equipo de investigación do IEO adscrito aos Centros Oceanográficos de Vigo, baixo a dirección de José Iglesias Estévez, quen asumirá as funcións de coordinación coa Consellería. Por parte do departamento que dirixe Carmen Gallego, os traballos estarán baixo o mando do director do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), Alejandro Guerra.

Durante o período de vixencia, os responsables de amas as dúas partes reuniranse polo menos dúas veces ao ano para analizar as actividades levadas a cabo e intercambiar impresións sobre o desenvolvemento das mesmas. A estas xuntanzas poderá asistir persoal o do IEO e de Pesca que se considere conveniente.

A propiedade e utilización científica dos datos e os resultados finais da investigación serán exercidas conxuntamente pola Consellería e o Instituto Español de Oceanografía. Ademais, os dous organismos comprométense a intercambiar o material científico e os coñecementos obtidos, así como a publicar conxuntamente os resultados da investigación obxecto do convenio.

Cabe sinalar que este protocolo subscríbese ao abeiro dun Convenio Marco de Colaboración asinado o pasado mes de marzo entre os dous organismos para a realización de actuacións conxuntas en materia de investigación mariña, asesoramento científico-técnico e formación. Na cláusula terceira do devandito convenio establecíase que cada un dos proxectos de cooperación entre as partes requiriría a elaboración dun tratado específico.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia