Skip to main content

Pesca abre o periodo de solicitude de prazas para as residencias dos centros docentes de Vigo e Ferrol

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde pola que se convocan prazas de residencia no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol durante o curso académico 2007-2008. Esta convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, inclúe prazas en réxime de manutención e aloxamento ou só de manutención.

Segundo a Orde do 28 de setembro de 2007, recollida no DOG, os postos que se convocan no centro de Vigo son para seguir ciclos formativos de formación profesional específica; formación permanente de adultos nas titulacións de capitán de pesca, patrón portuario e patrón costeiro polivalente; e programas de garantía social: navegación e pesca costeira. No caso de Ferrol, as prazas son para ciclos de formación profesional específica; formación permanente de adultos nas titulacións de patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca e patrón portuario; e programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

As solicitudes terán que presentarse antes do 15 de outubro e se rematado ese prazo quedan postos vacantes abrirase un novo período que rematará o día 30 de outubro. A documentación poderá presentarse nos dous centros referidos, así como nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992.

Para optar a postos en réxime de aloxamento e manutención será necesario que os solicitantes acrediten, entre outras condicións, a imposibilidade de trasladarse ao seu domicilio diariamente, cando polos medios habituais de transporte público o tempo investido sexa superior a 60 minutos en cada un dos traxectos. Así mesmo terase en conta a existencia dunha incapacidade física do alumno que faga penoso o desprazamento diario ao centro docente.

Pola súa banda, os estudiantes que soliciten o uso gratuíto do servizo de comedor no Instituto de Vigo ou na Escola de Ferrol terán que xustificar que o seu domicilio habitual está a máis de 10 quilómetros dos centros, ou ben que, aínda sendo menor, lles resulte imposible chegar de forma puntual ás clases da tarde.

A adxudicación das prazas farase seguindo un baremo no que se terán en conta conceptos como a renda familiar ou o rendemento académico, sendo a puntuación resultante de sumar eses conceptos a que determine a adxudicación dos postos convocados. En caso de que os solicitantes obtivesen o mesmo coeficiente, terán preferencia os alumnos que acrediten de forma documental unha relación persoal ou familiar directa co sector, tendo sempre preferencia os de menor renda.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia