Skip to main content

O Cetmar participa cun stand no Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura

O Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar), dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, participa cun stand na primeira edición do Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura, que organizan as consellerías de Traballo e Pesca da Xunta de Galicia.

Deste xeito, o Cetmar presenta no seu expositor diverso material formativo relacionado coa prevención de riscos laborais abordo de barcos de baixura elaborados no marco do proxecto “Embárcate”, unha iniciativa encadrada dentro do EQUAL II e financiada polo Fondo Social Europeo. O principal obxectivo de “Embárcate” é facilitar o acceso ao emprego no sector pesqueiro para o que a formación representa a ferramenta máis útil.

Ademais, no posto de información do Centro Tecnolóxico do Mar proxectarase un avance dun xogo sobre prevención de riscos laborais na baixura, unha ferramenta didáctica que pretende reforzar o coñecemento da tripulación nesta materia como complemento dos cursiños habituais.

Por outra banda, o centro dependente de Pesca ofrece información sobre o protocolo a seguir na realización de prácticas de formación a bordo de pesqueiros, unha actuación elaborada e probada con éxito durante o desenvolvemento do proxecto “Embárcate”. Así mesmo, os asistentes poderán informarse sobre os restantes produtos que se están elaborando ao amparo desta iniciativa.

Cabe sinalar que aquelas persoas interesadas nos materiais expostos polo Cetmar no Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura poden solicitalos no propio stand e reciben os exemplares en canto estean dispoñibles.

O devandito Congreso celébrase os días 8 e 9 de outubro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia (Santiago de Compostela) e está organizado polas consellerías de Traballo e Pesca, xunto coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
O evento centrarase no estudo da situación na que se atopa a seguridade e prevención laboral do sector pesqueiro no Arco Atlántico: Francia Atlántica, País Vasco, Cantabria, Asturias, Galicia, Portugal continental, Azores, Madeira, Andalucía Atlántica e Canarias.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia