Skip to main content

Centros comerciais de Galicia acollen ata finais de ano actividades lúdicas para fomentar o uso do galego

Os centros comerciais convértense no espazo elixido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para desenvolver durante as fins de semana de outono novas propostas didácticas e lúdicas para fomentar o uso do galego. O programa de actividades está pensado para aproveitar o tempo de lecer e paseo das familias polas áreas comerciais.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, asiste ao inicio das actividades de “Tardes con Uxía e os Pillabáns” no centro comercial Area Central de Santiago. Ata o 15 de decembro, todas as fins de semana os nenos e nenas de entre 4 a 8 anos poden participar neste proxecto didáctico desenvolvido pola Fundación Sotelo Blanco coa colaboración de Política Lingüística, no que se pretende fomentar a lectura infantil, a través de contacontos, animacións ou obradoiros de debuxo.

Ademais, Política Lingüística puxo en marcha o 15 de setembro un expositor itinerante que percorre os centros comerciais de toda Galicia. A acción forma parte da campaña En galego tes todo por dicir, E logo! para promover o uso do idioma. Esta fin de semana o expositor está instalado no centro comercial Cuatro Caminos da Coruña. A principal proposta desta instalación é animar as familias a xogar coas palabras, con distintas actividades lúdicas destinadas a coñecer o amplo e rico vocabulario da nosa lingua. As próximas citas serán o 19 e 20 de outubro no centro comercial Gran Vía de Vigo e, o 26 e 27, no Pontevella de Ourense.

Estas novas accións enmárcanse dentro dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega no que se establece a importancia de fomentar todo tipo de creatividade de base en lingua galega como forma lúdica de galeguización, así como a necesidade de estimular na sociedade, en xeral, e nas xeracións máis novas, actitudes favorables que se traduzan nun uso xeralizado do galego.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia